Os carballeses creadores da XESPOL homenaxeados en Poio polo Día da Policía
A Plataforma XESPOL segue espallándose por Galicia axudando aos corpos da Policía Local a facer o seu traballo. Un dos 32 concellos que instalaron, gratuitamente, esta ferramenta foi o Concello de Poio, que aproveitou o Día da Policía para conmemorar o 50 aniversario da creación do Corpo do seu Policía Local.
No emotivo evento, os dous axentes da Policía Local de Carballo creadores da plataforma, Katerina Pena e Manuel Fuentes, recibiron unha distinción municipal pola “súa contribución altruísta na creación da Plataforma Policial XesPol, programa policial que facilita as tarefas de xestión administrativa e xudicial das policías locais de Galicia, e entre elas, a de Poio”.
Así o recoñeceron o alcalde nacionalista Luciano Sobral, a concelleira de seguridade Marga Caldas e o Xefe de Policía Antonio Duarte, lembrando que a XESPOL é vital para cumprir a “aposta polo concepto de policía integral, unha policía que aposta por ofrecer á súa cidadanía unha resposta eficaz e eficiente en calquera situación, sexa administrativa, penal ou de tráfico“.
Lembraron que a relación vén de lonxe, e que Poio foi pioneira na implatación da folla sobre violenxia de xénero no aplicativo informático. En palabras do Xefe de Policía Antonio Duarte, “coa incorporación do programa XesPol ao noso día a día, gañamos en eficiencia e eficacia profesional, logrando agilizar calquera tipo de tramitación administrativa, penal ou de tráfico, o que para un persoal pequena como a nosa é un gran logro que o cidadán nos agradece”.