O recoñecido Centro Social de Goiáns xa está aberto á veciñanza
Non puido a chuvia impedir as gañas de estrear unha infraestrutura chamada a convertirse no corazón da parroquia. O Centro Social de Goiáns, xa recoñecido antes de abrir as súas portas, foi inaugurado este pasado sábado 2 de maio. A veciñanza que se achegou ao espazo erguido en Xoane puido percorrer as novas instalacións nun ambiente festivo grazas ao xantar, a animación musical de Rocío Pérez e a tarde de xogos para a rapazada organizada pola Concellaría de Participación Veciñal.
Unha "pequena aldea" con deseño de vangarda
O edificio, que pasa a integrarse na rede municipal de centros sociais tras un investimento do Concello de Carballo superior aos 400.000 euros, foi deseñado polos arquitectos Laia Cervelló e Miguel Fernández-Galiano (do estudo Fernández Carballada e Asociados), quen concibiron a obra para aproveitar un "encrave privilexiado" entre unha gran explanada e unha masa arbórea.
Trátase un edificio dunha planta única, con cinco fachadas, cun interior, de 341,62 metros cadrados, entre os que atopamos un auditorio
para 36 persoas (ampliable ao dobre), sala multiusos, espazo para cociña, oficinas e arquivo.
O proxecto incluíu a creación de 14 prazas de aparcamento e un axardinamento baseado na potenciación das especies arbóreas xa existentes na parcela.
O recoñecemento do centro social de Goiáns traspasa as fronteiras municipais, xa que foi seleccionado para os Premios FAD 2026 na categoría de Arquitectura. O veredicto final do xurado coñecerase o vindeiro 17 de xuño no Disseny Hub de Barcelona, pero o nomeamento xa sitúa Goiáns e Carballo na elite do deseño ibérico actual.
