O Ciclo "Amal en Ruta" achega o talento e a realidade árabe a Carballo
A colaboración entre a Fundación Araguaney e o Concello de Carballo fai posible que por quinto ano poidamos recibir en Carballo un resumo da última edición da Semana de Cine Euroárabe Amal. Ten en Carballo unha das súas citas principais a proposta “Amal en ruta”, que espalla polo país o talento e a realiade dos países árabes.
Este ano o ciclo achega a Carballo, no marco do programa trimestral Cultura con Forza, 5 propostas, entre documentais e longametraxes baseadas en cinco historias reais. “Son co-producións entre distintos países”, explicou o presidente de honra da fundación Ghaleb Jaber, “nos que os árabes poñen as historias, e os europeos, a maquinaria, os medios para convertelas en cine. Iso quere dicir que podemos traballar xuntos”.
Galeb Jaber chamou a mirar máis alá das ideoloxías e das relixións, “porque detrás delas hai persoas, xente que come, que sofre...” e que “Amal en ruta” simboliza “a ilusión de facer chegar a esperanza a todo o mundo”, tamén a tantos países árabes onde non teñen a oportunidade de gozar de propostas culturais coma estas.
Programa
Proxectaranse tres ficcións e dous documentais no Pazo da Cultura e na Biblioteca Rego da Balsa ás 20:30 horas. A entrada é gratuíta ata completar o aforo:
Xoves 3 de febreiro: “Gods of Molenbeek (Aatos ja Amine)”
Longametraxe documental. Reetta Huhtanen/ 2019/ Finlandia, Bélxica e Alemaña/ 73 minutos.
O distrito de Molenbeek, en Bruxelas, ten fama de ser un dos epicentros do yihadismo europeo, pero para Aatos e o seu amigo Amine, é simplemente o seu fogar familiar. Xuntos buscan respostas ás grandes preguntas da vida, pero a brutalidade do mundo adulto irrompe cando os terroristas detonan unha bomba no barrio.
Gods of Molenbeek (aka Aatos ja Amine) official TRAILER from Zone2 Pictures on Vimeo.