O cine palestino e o teatro galego copan a axenda carballesa da fin de semana semana

Nova semana completa na axenda carballesa, con cine e teatro como protagonistas.
AMAL EN RUTA
Esta semana tamén remata o ciclo de cine euro árabe AMAL en ruta, promovido pola Fundación Araguaney – Ponte de Culturas. Despois de catro longametraxes de ficción, unha longametraxe documental, By bye Tiberias é a que marca o punto e final da mostra. O filme conta a historia de Hiam Abbas, que anos despois de deixar a súa aldea palestina para emprender unha carreira de actriz en Francia, regresa a casa coa súa filla. Un documental íntimo sobre catro xeracións de mulleres e o seu legado compartido de separación.
Lina Soualem, directora da cinta, é unha cineasta e actriz franco-palestina-alxerina, Licenciada en Historia e Ciencias Políticas pola Universidade da Sorbona. Soualem dirixiu os multi premiados filmes Their Algeria (2020) e precisamente o que pecha o ciclo, Bye Bye Tiberias (2023), o cal foi elixido para representar a Palestina nos Oscar de 2024.
A cita é o xoves 20 de febreiro ás 20.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura. A entrada é libre ata completar a capacidade. A duración da película é de 82 minutos.
VENRES CULTURAIS

O venres pola noite, o teatro volve aos Venres Culturais da man da compañía galega Ibuprofeno con Reconversión. Trátase dun espectáculo de gran formato para público adulto, con oito actores-músicos que interpretan a banda sonora en directo. Entre o íntimo e o político, o proxecto, escrito e dirixido por Santiago Cortegoso, é un exercicio de memoria histórica arredor da reconversión no sector naval na Ría de Vigo.
A obra, que chega a Carballo tan só dúas semanas despois da súa estrea, céntrase na peripecia vital do pai do autor, un home que traballou no estaleiro de Ascón durante 30 anos. A peza é unha viaxe desde a posguerra ata o “Felipismo” dos 80, pasando pola auxe da industria siderúrxica e a evolución desde un estilo de vida rural a unha sociedade capitalista.
A cita para ver Reconversión é o venres 21 de febreiro ás 21.00 horas no Pazo da Cultura. A duración prevista do espectáculo, dirixido a público adulto, é de 100 minutos. O prezo da entrada é de 9€, 5€ con prezo reducido. Colabora a Rede Galega de Teatros e Auditorios.
EXPOSICIÓN
Por último, hai que lembrar que continúa aberta ao público a exposición O son do nordés, da artista plástica vinculada a Carballo Loli España. Pode visitarse até o 28 de febreiro en horario de 17.00 a 21.00 horas na sala do andar -1 do Pazo da cultura. Organiza a Concellaría de Cultura.