Comezan os obradoiros de viodeocreación para o programa Youtubeir@s
08:07 28/03/17
Esta mesma semana poñense en marcha en Carballo tres obradoiros de videocreación organizados polo Servizo de Normalización Lingüística no marco do proxecto Youtubeir@s. Concretamente, dous deles comezan hoxe. Un deles terá lugar ás 11:25 horas no IES Monte Neme, reservado a alumnado do centro, e outro pola tarde, ás 18:30 horas , no telecentro do Pazo da Cultura, aberto ás persoas interesadas. O terceiro dos obradoiros terá lugar no IES Isidro Parga Pondal, tamén reservado para o seu alumnado, e comezará o mércores 5 de abril ás 13 horas.
Cada un destes breves obradoiros prácticos terán unha duración de tres horas, repartidas en dúas sesións: unha primeira dunha hora, máis teórica, na que se traballarán consellos básicos para sacarlle o maior partido ás cámaras dos dispositivos móbiles e na que se aprenderá a guionizar para transmitir mellor os coñecementos. Na segunda sesión formativa, máis práctica e de dúas horas, aprenderase a editar e difundir os vídeos.
Youtubeir@s é unha iniciativa dos servizos de normalización lingüística (SNL) dos concellos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove; e tamén das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo. O proxecto ten tres piares fundamentais: a procura de youtubeiras e youtubeiros, a formación para quen queira selo, e un concurso para incentivar que se fagan vídeos de titoriais e opinións en galego na rede, con 4.000 euros en premios, e co prazo de inscrición aberto ata o 28 de abril.
Novas relacionadas
- Carballo acolle un obradoiro práctico de videocreación dentro do proxecto Youtubeir@s
- Carballo e Mazaricos súmanse á campaña dos Youtubeir@s para promocionar o uso do galego na rede
- Os “iutubers” do CEIP Eugenio López de Cee volve á rede
- Redacción QPC ([email protected])
- Concello de Carballo