Como son os orzamentos de Carballo para 2017?
Mentres a AXOBER ratificada un aumento do investimento en obra pública por parte do Concello de Carballo, o alcalde Evencio Ferrero e a Concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, presentaban o orzamento de Carballo para 2017. Un dos primeiros concellos en facelo.
O presuposto ronda os 24,5 millóns de euros cun incremento dun 4,34 por cento respecto das contas de 2016. Unhas cifras que supoñen un investimento por habitante en Carballo é de 183,03 euros, mentres que a media galega está en 80 euros.
Sen débeda
Unha das cousas máis importantes é que "por primeira vez o Concello non ten que destinar nin un só céntimo a amortización con entidades financeiras", en verbas do Alcalde, co capítulo 9 de pasivos financeiros en cero euros.
Incremento no gasto social
O Concello incrementa o gasto social (en sanidade, educación, promoción social e emprego) cun investimento de 2,9 millóns. A suba no número de horas do servizo de axuda a domicilio é unha das máis importantes neste aumento en gasto social.
Gasto de persoal e corrente
Os gastos de persoal son o 28,22% do total con 7.188.269,77 euros, un incremento dun 11,19 por cento respecto do exercicio de 2016. O motivo, explica Lendoiro, é que por primeira vez se orzamentan todos os postos da RPT (Relación de Postos de Traballo) do Concello, segundo o acordo plenario acadado en 2016. Tamén haberá dúas novas contratacións en Protección Civil para cubrir vacacións e dúas prazas de conserxes.
Ademais, o gasto corrente tamén sube un 2,19 por cen con 10.925.892,56 euros
Investimentos: O campo de fútbol de Sofán
- Mellora de vías no rural en parroquias como Rus, Entrecruces, Aldemunde ou Sofán, entre outras por 802.560,25 euros;
- O acondicionamento do campo de fútbol de Sofán para dotalo de céspede artificial por máis de 590.000 euros;
- Mellora de vías no Parque Empresarial de Bértoa por máis de 311.000 euros;
- A mellora dos centros sociais de Artes, Rus, Outón, Entrecruces e Sísamo, ou unha ampliación no de Oza por 466.419,33 euros;.
- O peche do pavillón do CEIP Xesús San Luis Romero por máis de 131.000 euros.
- Reparacións na rede de abastecemento, creación de saneamentos e melloras nas estacións depuradoras municipais (cos 2 millóns de euros do canon do ciclo integral da auga).
- Xestión urbanística logo da aprobación do PXOM, por máis de 514.000 euros, incluíndo o acondicionamento dunha praza na contorna da Biblioteca Rego da Balsa.
Novas relacionadas
- A Axober constata unha leve recuperación do sector da construción.
- Xaneiro 2016: Carballo aproba os orzamentos do 2016.