Condenan a 7 anos de prisión a un fisioterapeuta de Carballo por agredir sexualmente a unha paciente
Os maxistrados consideran acreditado que o investigado finxiu “realizar unha sesión normal de fisioterapia”, pero, nun momento dado, introduciu os seus dedos na vaxina da vítima, a cal tentou saír da padiola de masaxe, o que o acusado impediu “apertando fortemente coa man as súas costas contra a superficie na que estaba tombada boca abaixo”. Durante o forcexo, segundo relatan os maxistrados, realizou “unha momentánea penetración vaxinal, tras virar lateralmente á afectada na padiola profesional e baixarlle máis a roupa”. Tras a agresión, o procesado “quixo acougala e pediulle que non o contase”, indica o tribunal, quen sinala que, ao día seguinte, a vítima volveu a outra cita concertada na clínica e, seguindo o consello da súa avogada, gravou a conversación que sostivo co condenado sobre o ocorrido. Unha conversación que corrobora a acusación, como o informe pericial médico-forense do Imelga e o informe do psiquiatra do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, que evidencian “un grave trastorno de estrés postraumático, que incide negativamente en varios estadios da vida ordinaria da vítima”.
Os xuíces deixaron consideran que o argumento da defensa é insostible, e non cren no "consentimento da muller”, pois salientan que “nada, ningunha conduta da vítima, apunta nesa dirección”. Así, afirman que “a reacción de nítida oposición” da afectada impulsa ao condenado “ao exercicio de violencia física de entidade e idónea para dominar o acto e impedir á muller conducirse segundo a súa propia autodeterminación, sen que ninguén pense sensatamente hoxe en día en forza obxectivamente irresistible ou resistencia da vítima ata o límite das súas posibilidades, máxime cando a desproporción física é patente”.
Contra a sentenza cabe presentar recurso.