Denuncian a apertura de dous novos expedientes na Policía Local de Carballo

Continúa convulsa a vida no marco da Policía Local de Carballo. Cando parecían que as augas se calmaban coa retirada do expediente aberto aos dous axentes creadores da plataforma XESPOL, volve a estoupar a se con dous novos expedientes, o que para a Agrupación de traballadores do Concello A Alternativa, significa “máis represión” e a “existencia dunha inadmisible campaña de acoso e derrubo”.
O expediente parte dunha denuncia directa do Xefe da Policía Local, Roberto Mosquera, que ademais é un dos representantes sindicais municipais, que asegura que por agora só recoñece que “se trata dun tema interno”.
A Alternativa lembra que o propio Xefe “está agora mesmo incurso en procesos penais moi graves (poderiamos falar, dependendo do que determine a Fiscalía, incluso de delitos de prisión por detención ilegal e outros), aínda que para el o goberno local non teña a mesma vara de medir e non iniciase ningún expediente nin tomase ningunha medida cautelar, a pesar de todo o que se coñece, senón que segue a defender actuacións moi cuestionables, como se viu no pleno do mes de setembro”, denuncia a agrupación.
Para a agrupación existe unha “ofensiva” pois nos últimos 2 anos xa se levan contemplado “peticións de sancións graves contra tres persoas en catro causas distintas, ademais da apertura de “expedientes informativos” internos contra as mesmas persoas”.
Ante esta situación, a Alternativa solicita “a paralización dos expedientes sancionadores, que supoñen unha clara forma de acoso”, e lembra que se dirixiu esta semana “á Valedora do Pobo para solicitar a súa intercesión, por canto entendemos que estamos nunha vulneración dos dereitos máis elementais”. Piden ademais ao grupo de goberno que “saia á palestra a explicar que está pasando aquí, e que é hora tamén de que se abandone a política da confrontación e a represión interna e se dea paso a un novo tempo de diálogo e transparencia”.
Novas relacionadas
- Novembro 2020: A Xespol segue espallándose por Galicia trala arquivación do expediente aos seus dous creadores carballeses.
- Outubro 2020: A Aso ciación de Policías Locais de Carballo piden a destitución do seu Xefe de Policía.
- Setembro 2020: O goberno carballés desoe as críticas de TEGA e ratifica a versión do Xefe de Policía.
- Outubro 2020: A Asociación de Policías Locais de Carballo piden algunha praza na OEP por mobilidade.
- Xuño 2020: O Concello de Carballo expedienta aos dous Policía Locais que crearon a XESPOL.