Mércores. 24.04.2024
El tiempo

O goberno carballés desoe as críticas de TEGA e ratifica a versión do Xefe de Policía

Pleno de Carballo
Imaxe do pleno de Carballo de onte (@carballo_gal)
O goberno carballés desoe as críticas de TEGA e ratifica a versión do Xefe de Policía

Tenso o pleno carballés celebrado este luns 28 de setembro. Un pleno con aforo reducido polos protocolos de covid, que provocou que algunha xente quedase ás portas, que comezaba coa felicitación do alcalde, Evencio Ferrero, ao concelleiro do PP, Rubén Lorenzo pola súa recente toma de posesión como deputado no Parlamento de Galicia.

Na orde do día aprobábase un suplemento de crédito de máis de 430.000 euros do remanente para gastos de COVID-19.

Pero a atención estaba posta na quenda de rogos e preguntas, cando o voceiro de TEGA, Andrés Eirís sacaba o incidente do Xefe de Policía Local cun traballador dunha oficina bancaria. Un incidente que provocaba a denuncia (posteriormente retirada) por unha posible detención ilegal, sobre o cal o concelleiro aseguraba non ter información no pleno do pasado 7.

Semanas despois, Eirís volvía sacar o asunto, xa despois de poder analizar os feitos. O concellero Juan Seoane Collazo asumíu a versión do Xefe de Policía, dicindo que “o traballador ensinaba un documento de identidade a moita distancia polo que o Xefe de Policía o invitaba a ir ás dependencias municipais”.

Falaba tamén o alcalde Evencio Ferrero, que lembrou que o traballador retirou a denuncia ao día seguinte, pero que ten que enviarse á Fiscalía por protocolo ordinario, de aí que se tivesen que enviar as gravacións da Xefatura de Policía ao Xulgado. “Nós sempre respectamos as resolucións xudiciais. Por iso non se abre expediente disciplinario mentres non haia ningunha resolución xudicial”, sinalou Ferrero a pesar de que Eirís lembrase o expediente aberto aos dous policías que crearon a ferramenta XESPOL sen que houbese ningunha resolución xudicial de por medio.

Ferrero foi máis taxante: “É o momento de ratificar un funcionamento da Policía Local”, e defendeu ao “único que asumiu a xefatura cando se xubilou o anterior Xefe”.

Seoane e Collazo tamén cargaron contra Alfredo Núñez Pereira, o ex policía ao que o traballador solicitara axuda para redactar a denuncia, e que presentaba un escrito no Concello asegurando que a retirada da denuncia fora tras unha serie de “presións”. Os membros do goberno fixeron referencia a un manuscrito do propio traballador, rexistrado o mesmo luns pola mañá (a pesar de que esta redacción xa tivo acceso a el o pasado domingo) no que o traballador asegura que retirou a denuncia por “motivos exclusivamente persoais”.

 

”A verdade é que non esperaba máis do pleno”, valora Eirís, que xa agardaba a reacción tanto do goberno como dos outros dous grupos da oposición (PP e PSOE). “Para min o pleno de Carballo hai un tripartito, cun partido que lidera e dous “palmeros”, e un grupo da oposición. Non ten sentido que só sexamos só nós os que preguntemos por estes incidentes tan graves”, valora un Eirís que esperará que a Fiscalía e o Xulgado sigan avanzando co asunto.

Novas relacionadas

Máis novas

Comentarios