Detectados en só tres horas cinco positivos en drogas nun control de tráfico da Policía Local e Garda Civil en Carballo

14:22 05/02/25
Policía Local e Garda Civil de Carballo realizaron este martes un control de tráfico conxunto que permitiu detectar en só tres horas a cinco persoas que conducían baixo os efectos de sustancias estupefacientes.
Aos cinco positivos en drogas engádense a apertura dunha acta de infracción da Lei de Seguridade Cidadá por tenencia de drogas e a localización dun condutor cuxo vehículo tiña caducada a ITV. Así mesmo, as forzas de seguridade detiveron a un individuo que circulaba nun coche coa súa parella malia ter decretada unha orde de alonxamento.
O control de tráfico realizouse en tres puntos da zona urbana ao longo da tarde do martes: na estrada de Santiago, na rúa Vázquez de Parga e na Revolta.