Espiral Maior dá forma aos poemas de Raúl Herrera

O xoves 20 de xuño, ás 20:00 h., en Espiral Maior Foro de Carballo (Rúa do Sol, 34), terá lugar o acto de presentación do libro de poemas de Raúl Herrera titulado “Garza na dorna”, que acaba de ver a luz na Colección Poesía de Edicións Espiral Maior.
Participarán na presentación, ademais do autor, o xornalista e escritor Ramón Vilar Landeira e o director de Espiral Maior Foro e escritor Miguel Anxo Fernán Vello, autor este último dun prólogo incluído na obra do poeta carballés.
Raúl Herrera, poeta e pintor, diplomado en Relacións Laborais e Graduado Social, foi alumno nos Obradoiros de Pintura e Gravado impartidos por Manuel Facal e Alfonso Costa no Fórum de Carballo, e como pintor ten participado en exposicións colectivas de pintura e escultura en Malpica de Bergantiños, Muxía, Carballo, Ponteceso, Santiago de Compostela e Ribadeo.