Establecidos os requisitos para acceder á escola de hostelería de Carballo
07:07 18/01/17
A parte teórica desenvolverase nas instalacións do Fórum Carballo
Este venres reunirase o tribunal de expertos encargado de valorar as dúas ofertas presentadas para a xestión da Escola de Hostalería de Carballo, e que estará integrado por reputados profesionais de institucións coma o Centro Superior de Hostalería de Galicia. Unha vez resolto o proceso de selección da empresa que se encargará de organizar e impartir a formación abrirase o prazo de inscrición para o alumnado.
Os únicos requisitos que deben cumprir persoas aspirantes ás 15 prazas que haberá por curso na Escola de Hostalería son ter estudos de EXB ou equivalentes e os 18 anos cumpridos, xa que todos os alumnos e alumnas deberán realizar prácticas durante os dous meses de verán nas empresas habilitadas para tal fin. A selección final realizarase en función dunha serie de criterios que xa están establecidos e que inclúen unha proba escrita, unha entrevista persoal e unha proba práctica, avaliada por unha comisión mixta integrada por representantes da empresa formadora e do concello de Carballo.
O obxectivo da concellería de Promoción Económica é formar aos futuros profesionais da hostalería en Carballo e na Costa da Morte. A escola ten ámbito supracomarcal e estará aberta tanto a persoas desempregadas coma a traballadores coa dispoñibilidade precisa para completar a 815 horas teórico-prácticas que se desenvolverán nas instalacións do Fórum Carballo e as 320 horas de prácticas laborais en empresas de que consta a formación.
Con esta inciativa, o concello de Carballo pretende converter a escola de hostalería do Fórum Carballo no centro dun proxecto formativo competente e innovador, que satisfaga as necesidades do tecido empresarial, do demandante de emprego e do ámbito territorial local e comarcal. Segundo a Estratexia Española de Activación para o Emprego, as ocupacións con mellores perspectivas de emprego están relacionadas cos sectores e actividades que mostran maior dinamismo: turismo, hostalería, lecer e restauración.
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])
- Concello de Carballo