luns. 12.05.2025
El tiempo

As II Xornadas pola Inclusión Socioeducativa (TEA) encaran a recta final con éxito de participación

Cartel II Xornadas TEA Carballo
As II Xornadas pola Inclusión Socioeducativa (TEA) encaran a recta final con éxito de participación

A varios días do peche do prazo de inscrición (o 19 de maio é o último día), as II Xornadas pola Inclusión Socioeducativa (TEA), organizadas pola asociación Un Paso Máis, encaran a súa recta final cunha resposta masiva que podería levar, nos próximos días, a colgar o cartel de “completo”. Segundo os datos actuais, cinco dos talleres programados xa pecharon inscricións ao alcanzar ou superar o número máximo de prazas ofertadas, e os restantes encóntranse nunha situación semellante, moi próximos ao límite de ocupación.

Esta segunda edición das xornadas, que teñen como eixo central a inclusión educativa das persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA), está a consolidarse como un evento de referencia na comunidade educativa galega. A alta demanda de prazas e a rápida acollida que tivo a convocatoria son indicadores claros da crecente sensibilización e interese polo enfoque inclusivo no ámbito educativo.

Dende a asociación organizadora, Un Paso Máis, manifestamos a nosa satisfacción pola acollida recibida, especialmente polo notable incremento na participación das familias, que nesta edición teñen unha presenza significativamente maior respecto á anterior. “É moi positivo ver como as familias se implican, se forman e colaboran, porque elas son un piar fundamental para avanzar cara a unha inclusión real”, destacamos dende a organización.

Ademais da comunidade educativa e familiar, o tecido asociativo tamén está a xogar un papel destacado nesta convocatoria. Diversas entidades sociais están a sumarse activamente ás xornadas, o que reflicte unha crecente conciencia colectiva e un espírito de cooperación transversal, necesario para afrontar os retos que supón unha educación verdadeiramente inclusiva.

As xornadas, que inclúen obradoiros prácticos, relatorios especializados e espazos de diálogo, buscan dotar de ferramentas útiles tanto ao profesorado como ás familias, ao tempo que fomentan unha mirada máis ampla e empática sobre a diversidade.

XORNADAS_TEA_DIPTICO_Carballo)

Con este panorama, todo parece indicar que as inscricións quedarán pechadas ao longo desta mesma semana, dada a alta demanda e a limitación de prazas dispoñibles. Dende a organización recomendamos a todas as persoas interesadas que formalicen a súa inscrición canto antes para non quedar fóra desta cita formativa e reflexiva que segue a sumar voces no camiño da inclusión.

Estas II Xornadas confirman que, paso a paso, a inclusión deixa de ser un concepto teórico para converterse nun obxectivo compartido, construído desde a realidade de cada aula, cada familia e cada colectivo comprometido coa diversidade.

Comentarios