Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Eva Cameán, de Punto e Coma: “A clientela valora o trato personalizado, as recomendacións e a variedade de literatura infantil en galego”

Eva Cameán Pensado, libreira de Punto e Coma de Carballo
Eva Cameán Pensado, libreira de Punto e Coma de Carballo
Eva Cameán, de Punto e Coma: “A clientela valora o trato personalizado, as recomendacións e a variedade de literatura infantil en galego”
Eva Cameán, de Punto e Coma: “A clientela valora o trato personalizado, as recomendacións e a variedade de literatura infantil en galego”

Esta semana entrevistamos a Eva Cameán Pensado, libreira de Punto e Coma de Carballo, que nos fala da ilusión que supuxo formar parte dun proceso tan bonito como foi o nacemento da librería e nos invita a coñecer este refuxio para os lectores tan fermosamente atípico, situado no corazón de Carballo, concretamente na Rúa Valle Inclán, nº3 .

 
  • A.G.R.: Cando nace Punto e Coma Carballo?

Punto e Coma Carballo nace a finais do ano 2017, concretamente a libraría inaugurouse o 8 de setembro dese ano. Pero o proxecto “Punto e Coma” nace con anterioridade, pois dende novembro do ano anterior xa estaba aberta a libraría de Ourense. Ademais Punto e Coma non é soamente o espazo físico das librarías, se non que intenta chegar máis aló tendo os nosos propios procesos creativos como os nosos produtos de Rosalía Pioneira, Vive Allariz, Vive Ourense etc Que sempre apostan polo produto galego ilustrado. Ademais de estar implicados en diferentes proxectos que conforman toda a esencia de Punto e Coma.

 
  • A.G.R.: De onde vén a túa paixón polos libros?

A miña paixón polos libros ven dende nena, sempre me gustou ler, ou que me leran, e sempre valorei moitísimo os libros e sobre todo o espazo onde atopalos e mercalos: As librarías.

Meu pai é un gran lector e supoño que me deixou en herdanza o amor polos libros, aínda que non consigo seguir o ritmo lector que el leva (risas). E miña nai sempre poñía a máxima paixón e teatro ao lerme os contos todas as noites antes de ir durmir. Polo que foi un soño poder comezar a traballar en Punto e Coma cando abriu en Carballo, ademais eu xa seguía a tenda de Ourense por RRSS e estaba subscrita aos seus boletíns de novas apesares de que nunca estivera alí. Polo que imaxínate a emoción de poder comezar a formar parte do equipo dende cero, dende que o local estaba sen andeis e ver medrar a libraría pouco a pouco.

 
  • A.G.R.: En que dirías que se diferencia Punto e Coma dunha libraría convencional? Que produtos ofertades a maiores?

Como che comentaba Punto e Coma intenta ser algo máis que unha libraría: involucrándonos en proxectos e actividades, dinamizando o espazo, ofertando libros fermosos e diferentes e sobre todo tendo unha gran oferta de xogo educativo. Este tipo de xogos cada vez están máis en auxe e que cremos que é súper interesante nos novos modelos educativos que apostan polos grandes beneficios de aprender xogando.

 
  • A.G.R.: Tamén tedes tenda online, dirías que o público prefire visitar a tenda ou mercar online? Xogou un papel importante a tenda online durante o confinamento?

E ben sabido por todas nós, que o comercio online está cada vez gañando forza e que estamos a só un click e unhas horas de transporte de poder ter produtos ao instante na nosa casa a través de grandes plataformas. De todos os xeitos no noso sector, malia que cada vez se merca tamén máis por internet ou en grandes superficies, séguese a conservar o romanticismo de valorar o espazo físico onde ver, tocar e incluso cheirar os libros. Ademais no noso caso é moita a xente que entra buscando recomendacións das libreiras, e que valoran que lles amoses os libros que a ti che gustan, que lle fagas recomendacións personalizadas, ou que lles aconselles o que pensas que pode ser o libro axeitado para cada persoa, ocasión ou temática. Iso creo que por sorte é un punto a favor do comercio físico que as grandes plataformas por moito que o intenten, van ter difícil de competir con el: o trato persoal, as recomendacións, ou as conversas literarias mentres desfrutas de estar nunha libraría.

Con respecto ao da nosa páxina web, na que non vendemos libros, soamente produtos, si que tivo maior movemento durante o confinamento, porque ademais nas últimas semanas de confinamento habilitamos un whatsapp a través do cal se podían tramitar pedidos de libros que tiveramos en stock na tenda de Ourense. De todos os xeitos como comentaba a xente prefire achegarse a libraría antes que mercar pola web.

 
  • A.G.R.: Que dirías que é o que máis valora a vosa clientela?

Como comentaba na pregunta anterior unha das cuestión que máis nos di a xente que lles gusta de Punto e Coma é o trato personalizado, as recomendacións e ampla variedade de literatura infantil en galego coa que contamos nos nosos andeis.
Ademais sempre intentamos premiar o esforzo da xente de seguir achegándose ao comercio local para mercar, a través de descontos, sorteos, campañas e sobre todo actividades (aínda que agora mesmo pola situación que vivimos están bastante paradas) pero intentamos realizar decote presentacións de libros, contacontos, talleres infantís, etc.

 
  • A.G.R.: Estades implicados en moitos proxectos, poderíasnos contar dalgún no que che gustase especialmente participar?

Si, como falabamos Punto e Coma é un todo, non son soamente as librarías, se non que está por exemplo o apartado de Punto e Coma Creación dende o cal creamos e deseñamos os nosos propios produtos, os cales tentan sempre poñer en valor a arte e a ilustración. E tamén formamos parte da editorial Aira, unha editorial galega que publica libros en galego, os cales tamén lle dan moita importancia a ilustración, as edicións etc e da que se está falar moito ultimamente tralo éxito de moitos dos títulos que ven de publicar coma o Souto dos catro ventos de María Oruña, o Atlas da Galicia pequeniña de Cequeliños e Jorge Campos , ou o Frankenstein traducido ao galego por Samuel Solleiro e ilustrado por Miguel Robledo entre moitos outros.

Comentarios