Venres. 19.04.2024
El tiempo

#FIOT30: Volve, con todo e pensando no pobo, o Festival Internacional de Outono de Teatro de Carballo

Presentacion do FIOT 30
A presentacion do #FIOT30 foi en clave teatral
#FIOT30: Volve, con todo e pensando no pobo, o Festival Internacional de Outono de Teatro de Carballo

Espectacular a posta en escena do 30ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo. A Aula de Teatro Municipal, e unha excelsa Fina, ofreceu un excelso aperitivo cunha miniobra tremendamente ben fiada arredor de como interacciona a veciñanza de Carballo cos 30 anos de historia do festival máis importante de Galicia.Aula Municipal de Teatro abrindo o Fiot30
Mulleres da Aula Municipal de Teatro, dirixida por Artur Trillo, que deron o aperitivo

E precisamente esta volta, “con todo”, como sinalou o presidente da organizadora Asociación Telón Aparte, Alberto Sueiro, ten a mirada posta no “pobo”, no “público”. De feito, o “festival máis grande de Galicia en número de espectáculos e de días de actividade” fará que volvan para esta 30ª edición polo Pazo da Cultura compañías que foron recoñecidas polo público en edicións anteriores, con xentes recoñecidas en todo o panorama estatal como Yllana, Chévere, Voadora, Ron Lalá, Touriñán, Manolo Alcántara ou Talía Teatro.

Presentacion do FIOT 30 en Carballo 2
Representantes da Asoc. Telón Aparte, de Agadic, do Concello de Carballo, da Deputación e da Fundación Luís Calvo durante a presentación

Serán un total de 39 espectáculos (11 estreas absolutas, 3 estreas en Galicia) os que se desenvolverán en 35 días de Festival (do 24 de setembro e 29 de outubro) e ofrecerá unha programación diversa, coa presenza de propostas innovadoras e arriscadas, e con espazo para novas linguaxes artísticas e a creación contemporánea.

E cando din que “volve con todo” é porque, ademais da programación de Sala, tamén haberá Teatro de Rúa, Rúa dos Contos (aínda que no Mercado, no Casino 1889 ou na Praza Jacinto Amigo Lera, porque nos bares aínda non se pode); haberá OTNI, haberá Metro Cadrado, haberá FIOT Fónico, haberá actividades paralelas; ou mesmo o Carballo en ruta polas parroquias (este ano en Cances e Verdillo) como gran novidade… Unha edición por todo o alto para celebrar que “Carballo é o corazón do teatro de Galicia.

Un par de detalles faltarían a gusto de Sueiro para que a cousa fose redonda: un pouco máis de facilidades por parte das administracións (“non poden ser un inimigo burocrático”, asegurou) e un Auditorio (“o espazo escénico do Pazo é moi pequeno para as novas propostas teatrais”, explicou).

O humor será un dos fíos condutores deste festival, que afondarán temas como a propia pandemia ou a violencia machista, pero que tamén trata de seguir sendo unha referencia en materia de creación teatral en galego.

Presentacion do FIOT 30 en Carballo

Un mes e medio de celebración

Na Rúa dos Contos poderemos ver xentes como Xosé A. Touriñán, Caxoto, Paula Carballeira, Ángela Triana, Izquierdo Sisters, Oswaldo Digón ou Luis Piedrahita.
O ciclo OTNI, a liña dedicada á investigación e achegamento a as novas linguaxes e formatos escénicos, traerá “Technocracia”, creación da compañía galega de danza Funboa Escénica. E o FIOT Fónico, unindo teléfonos móbiles co teatro, innova ca peza “O espello que arde” .

Ademais, haberá actividades paralelas para todos os públicos como os encontros das compañías co público nos Café con..., a Escola do Espectador, o Certame de Teatro Lido, presentacións de libros ou encontros profesionais e, como non podería ser doutro xeito, o recoñecemento a unha figura clave da escena galega: a Xograresa de Outono 2021, Silda Alfaro.

Entradas e bonos á venda

Nos vindeiros días o festival activará a venda dun número limitado de bonos tanto para os espectáculos de Rúa dos Contos coma do Programa de Sala. Unha vez finalice este período de venda, abrirase a venda de entradas individuais para todas as liñas de programación que precisen de billetes para o acceso ao recinto. Toda a información estará dispoñible, nos vindeiros días, na web oficial do Festival Internacional Outono de Teatro: www.fiot.gal.

Novas relacionadas

Comentarios