Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Gran acollida do programa "Ti tes a chave" de Carballo na súa primeira semana de funcionamento

24072020 camion_compost ti tes a chave carballo
Gran acollida do programa "Ti tes a chave" de Carballo na súa primeira semana de funcionamento

O programa “Ti tes a chave” botou a andar en Carballo con resultados máis ca esperanzadores. Na primeira semana xa foron recollidas e trasladadas á planta de compostaxe de Sogama un total de 4,5 toneladas de residuos orgánicos. Ademais, as adhesións van en aumento. Falábamos hai unha semana de 480 familias e 80 grandes produtores que participaban no proxecto, e nestes momentos contan xa con 658 participantes, entre os que figuran 99 grandes produtores.

Tanto o alcalde, Evencio Ferrero, coma o concelleiro de Servizos, Luis Lamas, expresaron a satisfacción do goberno municipal co arranque do servizo e animaron á veciñanza a seguir apostando por un sistema que contribúe á redución das emisións de CO2, garante un fertilizante de calidade coa recuperación dunha práctica tradicional do rural galego e reduce os custos do servizo de recollida de lixo, xa que o canon que pagan a Sogama polo tratamento da 5ª fracción na planta de compostaxe é inferior ao da bolsa negra.

23072020 stand_rua_corunha ti tes a chave carballo

Todo son vantaxes, como xa están a comprobar cada vez máis familias que deciden unirse ao proxecto. O xoves pola mañá, 23 de xullo, no posto que estivo instalado na rúa Coruña, realizáronse 95 altas.  As persoas interesadas poden dirixirse de luns a venres, de 10:00 a 14:00 horas, ao local de Carballo Limpo (galerías da rúa Desiderio Varela, 34).

Cada participante recibirá un kit que consta de un caldeiro de 10 litros de capacidade, tres atados de bolsas compostables personalizadas, un tríptico informativo e unha chave para abrir un dos contedores que se colocarán na vía pública para depositar os bio-residuos.

Comentarios