A madeira do ciprés centeario caído en 2015, convírtese en obra de arte
O PSOE pide o acondicionamento da praza
Un forte temporal levara en decembro de 2015 o ciprés centenario da Praza do Concello. O seu espazo fora ocupado por un carballo, pero a madeira daquel ciprés foi aproveitada para a arte.
Onte tivo lugar a inauguración dunha escultura realizada polo artesán carballés Fabián Lage, que aproveitou a madeira centenaria para acondicionar o parque da Praza do Hospital tamén con papeleiras, xardineiras e bancos.
O proceso artístico e de reciclaxe levou tres anos, 1.800 horas de traballo e 10.000 liscos de póla de ciprés só nos bancos, papeleiras e xardineiras. E cunha escultura que vai “máis aló do que os nosos ollos ven” en verbas de Lage, e a pesar de parecer negra nun primeiro momento, ofrece unha amla gama de cores segundo dá o sol.
Para Lage “’Alén’ é vida despois da morte, un renacemento que nos permita vivir e convivir con dignidade. Unha necesaria actitude vital que nos incita a buscar espazos de rebeldía e liberación polos que poder fuxir de tantas gaiolas, reais e imaxinarias, que nos manteñen atenazados”.
Melloras na Praza do Hospital
Precisamente o PSOE aproveita para pedir nunha moción o acondicionamento da praza, pois "sofre dende fai tempo, unha serie de carencias que non só o volven pouco útil para o fin creado, como espazo lúdico para os nenos de ata 8 anos, senón que ata o tornan en perigoso precisamente para este colectivo. Tanto a falta dun mantemento axeitado, como a de vixilancia e control sobre as actividades incívicas, fan que o seu deterioro agudícese e acelere máis aló do normal por mercé do natural transcorrer do tempo". O mal funcionamento das fontes, pintadas obscenas, lousas do chan estragadas, o tobogán aboiado, cacas de can... son algunhas das deficiencias que denuncia o grupo socialista.
Novas relacionadas
- Decembro 15: O primeiro temporal do inverno deixa fortes refachos de vento e crebas nas praias.
- Febreiro 16: A ciprés morto, carballo reposto.