Martes. 16.04.2024
El tiempo

Máis da metade dos menores de 12 a 16 anos están inmersos en pantallas máis de 6 horas ao día durante as fins de semana

Xogando ao Fortnite
Xogando ao Fortnite, un dos xogos máis usados, e máis violentos, da actualidade
Máis da metade dos menores de 12 a 16 anos están inmersos en pantallas máis de 6 horas ao día durante as fins de semana

O pasado mes de abril comprobaron que o abuso das novas tecnoloxías entre os menores de 9 a 11 anos. Agora, a asociación Vieiro vén de realizou un estudo con 1.100 rapaces e rapazas carballeses de entre 12 e 16 anos, para coñecer os hábitos dos menores na rede a través do programa de prevención, Desenrédate.

A través dun cuestionario anónimo sobre o uso de novas tecnoloxías elaborouse un informe, co fin de coñecer o tempo de dedicación e a forma de uso das novas tecnoloxías, entre elas: o móbil, os videojuegos, Apps, Internet e redes sociais.

Na seguinte táboa preséntanse as porcentaxes das horas que os adolescentes dedican a “pantalleos” entendidos estes como calquera momento do día no que estean diante dunha pantalla, tendo en conta que as horas recomendadas polos expertos para esta etapa evolutiva non deben superar as 2 horas:

Cantas horas dedicas diariamente a pantalleos de luns a xoves?

0-2 h 3-5 h 6-8 h 9-11 h 12-14 h 14h
37,79% 37,45% 14,38% 6,17% 1,45% 2,76%

Cantas horas dedicas diariamente a pantalleos de venres a domingo?

0-2 h 3-5 h 6-8 h 9-11 h 12-14 h 14h
13,60% 34,20% 20,10% 13,5% 6,50% 12,1%

 

Abusando na fin de semana

Obsérvanse claras diferenzas no uso das novas tecnoloxías entre a semana e o fin de semana. De luns a venres o tempo de dedicación é menor que no fin de semana, vemos que as maiores porcentaxes distribúense neste caso nos dous primeiros ntervalos, é dicir entre 0 e 5 horas.

Pero é, se cabe, máis “significativo e precupante” que un 20% sinale que pasa máis de 6 horas ao día polo fin de semana diante dunha pantalla, ou que hai un 12% de alumnos e alumnas que dedican ás pantallas máis de 14 horas.

Sobre todo, o teléfono

O smartphone é o máis utilizado para acceder a xogos, Internet e redes sociais como WhatsApp e Instagram, as máis utilizadas polos adolescentes.

O perigo do Fortnite

Outros dos dispositivos máis empregados son por orde de preferencia: Tablet, ordenador e videoconsola. Estes últimos son utilizados normalmente para xogar a diferentes tipos de xogo, entre os que destaca Fortnite, xogo de supervivencia de “todos contra todos”, moi estendido entre os adolescentes e tamén entre os máis pequenos. Trátase dun xogo moi adictivo que ademais pode descargarse gratuitamente desde múltiples plataformas. A rapidez coa que creceu Fortnite non se debe soamente a que sexa gratuito, senón que ten moitos elementos para atraer a atención do público: gráficos de boa calidade, sentido do humor e un ritmo lixeiro que avanza con rapidez, xa que as partidas poden durar desde un minuto a case media hora, dependendo da experiencia co xogo.

Outros xogos que seguen a ocupar os intereses dos encuestados son Clash Royal, xogo combinado de cartas e estratexia; Fifa, xogo de fútbol; Minecraft, famoso por ser un xogo creativo de construción de “mundos abertos” e GTA, que mestura varios estilos de xogo, nada recomendado polas escenas de violencia, prostitución, etc. que o acompañan. Moitos destes xogos non son recomendados para a idade dos encuestados, xa que están indicados para maiores de 18 anos seguindo o código PEGI.

A necesidade de poñer límites

Conscientes que estamos na era dixital e que é imposible alonxalos das pantallas, dende o Vieiro deixan claro que “aínda que sexa nativos dixitais non quere dicir que saiban utilizalas de xeito adecuado e responsable”.

Os profesionais da asociación apelan á responsabilidade da familia na adquisición e control dos videojuegos nos que ocupan o tempo de lecer os/as menores, recomendando prestar especial atención ás idades recomendadas e aos contidos destes.

”Desde que nacen, os nenos son consumidores de pantallas: tv, tablet, ordenador, teléfono móbil, consolas de videojuegos... Pero necesitan límites, xa que un consumo excesivo ou inadecuado pode afectar negativamente tanto ao seu saúde como ao seu desenvolvemento persoal e escolar”, sinalan dende Vieiro. “Un uso excesivo de pantallas conlleva problemas de saúde, como alteracións de sono, irascibilidade, agresividade, máis risco de déficit de atención, trastornos de alimentación, obesidade… Ademais, cando os contidos son inadecuados á súa idade, poden desenvolver comportamentos violentos ou acabar tendo unha imaxe distorsionada da sexualidade”, explican.

Estudos de Vieiro

Comentarios