martes. 16.09.2025
El tiempo

Un mapamundi musical na 28ª edición do XiriaPop

The Stems no Xiria Pop 2024 no Casino Carballo-Foto-Oscar Caamano
The Stems no Xiria Pop 2024 no Casino Carballo-Foto-Óscar Caamaño
Un mapamundi musical na 28ª edición do XiriaPop

Que mellor peche de verán para a Axenda Sonora da Costa da Morte que o Xiria Pop. O festival garaxe emblema da comarca de Bergantiños chega esta fin de semana de venres 19 e sábado 20 de setembro ao Casino Carballo para celebrar a súa 28ª edición.

E chega con 8 bandas que chegan dende Ferrol, Hamburgo, Escocia, Asturias, Vigo, Rías Baixas e Cantabria, que conforman "o mapamundi da viaxe musical deste ano, que estamos desexando emprender". 

Xa podedes comprar abono para os 2 días en woutick, pero por se non te convence o cartel feito por Xende López, o armadanzas do festival Xabier Graña debúllanos as bandas que pasarán por aquí. A esquisitez de Graña asegura que, aínda non coñezas os nomes, a calidade vai ser máxima:

Cartel Festival Xiria POP 2025

VENRES 19 no XiriaPOP

MENTAH (Ferrol)

É un grupo pequeno en tamaño, son dous, pero matón. Chegan dende Ferrol, para darnos un concerto cheo de guitarras atmosféricas por intres, duras noutros, e unha voz moi persoal e recoñecible, a de Car. Aquí si que a melodía é o que importa, sempre presente, independentemente da intensidade das guitarras e a batería. Xa con dous discos.

GLÁNDULA (Hamburgo)

Novo grupo de Alberto Botías (Los Malinches), que xa tocou no XIRIAPOP co seu anterior grupo, e que agora reside en Hamburgo, por iso este novo proxecto ven dende aló.
Power trio de garaxe psicodélico, freak beat e sons sixties en xeral. Moi potentes e moi influenciados tanto por Arthur Brown -chamán da psicodelia inglesa-, coma polo garaxe mais escuro do sixtie latinoamericano e estatal.

ROY MOLLER & FUEL CRISIS (Escocia)

Afincado en Escocia dende hai moitos anos, tamén poeta, Roy grabou por primeira vez con METH OD, grupo dos favoritos de John Peel, posteriormente tivo proxectos con Stevie Jackson (Belle&Sebastian) e Davy Henderson (entre outros The Fire Engines e Sexual Objects), e dende xa fai bastantes anos ten o seu proxecto en solitario, co que xa leva sacados, con este último, 9 discos.
Cantante próximo a sensibilidade de Lou Reed, do que era amigo por certo, e do que fixo un disco de versións, Roy é un dos secretos musicais mellor gardados de Escocia, pouco coñecido incluso alí, aquí totalmente descoñecido, de feito, nunca tocou en Galiza nin no estado. É un músico con unha grande sensibilidade, con cancións moi ben arranxadas, con melodías preciosas e con unha voz suxerinte e recoñecible.

PELAZO (Mieres)

Grupo Asturiano, prototipo de grupo de POWER POP clásico, boas melodías, boas voces e guitarras potentes, seguidores por exemplo dos Raspberries, dos Paley Brothers e de Todd Rundgren.
Os músicos son veteranos da escena Asturiana, pero ademais con experiencia en grupos como os CYNICS (USA), dos que Pablo é o batería e Angel Kaplan (que non está aquí) é o baixista, incluso nas xiras por USA.
Entre todos tocaron, ou tocan, en grupos xa clásicos desta escea do power pop, como La Ruta, Los Nervios, Feedbacks, Peralta, Dr. Explosión, Los Buges, Trash Tornados... Diversión e calidade aseguradas.

SÁBADO 20

THE FAMILY FOLKS / THE WAVY GRAVIES / THE BO DEREK´S (Vigo)

Tres grupos con un denominador común que foi o que fixo que os invitásemos a vir todos o mesmo día, os irmáns Lorre, Rufus e Jorge, uns clásicos, aínda que novos, da escena r&b da Ría de Vigo.
The Family Folks, encabezados por Rubén Suárez e Bosco Hill, coma o seu nome indica, mais enfocados ao folk americano, á psicodelia e ao blues, pero con cancións divertidas, e neste último dísco, con mais presenza das guitarras.
The Wavy Gravies, frat, surf instrumental, e garaxe, todo pasado por unha batidora de punk que os fai imbatibles en directo. Aquí Jorge toca a guitarra e non o baixo, o seu instrumento nos outros dous grupos. Este é o “grupo familiar”, acompañados ao contrabaixo por Iván “Koko” Soutiño.
The Bo Derek´s, grupo encabezado por Oscar Avendaño, baixista durante mais de 20 anos de Siniestro Total, e músico mais que versátil e disposto a colaborar casi en calquera proxecto que se lle propoña, e nesta casa sabémolo ben. Ademais, presumen de clase, Working Class, din eles, da que somos todos, aínda que teñamos pretensións. R&B a todo trapo, e letras simpáticas, boas, e con moita mala leite, Oscar non se garda nada, entre risas e sorrisos, pero non se garda nada.

HENDRIK RÖVER & LOS MÍTICOS GT´S (Murias)

Que podemos dicir nos que non se teña dito xa de Hendrik, “o dos Deltonos”, músico mítico da escena estatal e tamén dende fai anos productor no seu estudio de moitos dos bos discos que se teñen gravado no estado. Nesta ocasión ven cos MÍTICOS GT´S, e vai facer, ademais, a sesión vermú do sábado no Logradouro.
Ao mellor, é posible, podería ser...que de fin de festa conseguísemos lialos a todos para facer unha bacanal de r&r...imos ver.

 

Comentarios