Milagros Cotelo abre este sábado o ano artístico do Garabato
Este sábado, 17 de xaneiro, o Estudo Garabato inaugura ás 21:00 horas a súa primeira exposición do ano coa artista carballesa Milagros Cotelo.
Baixo o título “Linias e liñas”, a artista presenta unha mostra orixinal composta por 22 debuxos de pequeno formato realizados a boli azul. A través do uso de materiais humildes como o papel e o bolígrafo, a exposición pon en valor todo o seu potencial expresivo cando se empregan con intención, sensibilidade e liberdade creativa.
O que atoparemos nesta exposición é unha escolma de postais nas que a fantasía flúe sen restricións. Por este motivo, as obras levan como subtítulo “fantasía libremente imaxinada”, unha referencia directa a un proceso creativo espontáneo, aberto e intuitivo.
As pezas preséntanse enmarcadas en bastidores de bordar, unificando o conxunto mediante o uso do fío como elemento común, que reforza a idea de cohesión e identidade da mostra.
A inauguración contará ademais coa actuación musical do músico coruñés Iván do Val, que porá a nota sonora a unha noite de arte e creatividade.
