O minilabregos carballeses pecharon o círculo do agro vendendo os seus produtos na Pequefeira
![Pequefeira de Carballo](/asset/thumbnail,992,558,center,center/media/quepasanacosta/images/2019/06/01/2019060108485753750.jpg)
Fermoso remate ao proxecto dos Horto Infantil Ecolóxico Municipal nos centros escolares (en verán si haberá obradoiros). A Pequefeira pecha o círculo do labrego, que comeza coa sementeira, continúa durante todo o curso co mantemento, e remata coa colleita, e a venda.
Os pequelabregos protagonizaron un fermoso albaroque, no que ademais de sacar o seu espírito máis emprendedor tiveron que tirar de enxeño para solventar a escasa colleita. Pero non houbo problema porque cambiaron leitugas e remolachas por algo de artesanía e flores.
Dende as 11:00h, todas as familias ateigaron a praza e mercáronlle aos seus peques negociantes ducias de produtos.
Agora tócalles aos nenos e nenas decidir que fan cos ingresos obtidos: ou ben dedicalos a mellorar as instalacións dos hortos nos seus coles ou ben destinalos a unha causa social.