Nova fornada de bolsas de compost para as familias carballesas que participan no programa “Ti tes a Chave”

Posto na zona Hospital

O programa de compostaxe urbano carballés segue dando os seus froitos. En novembo realizábase a primeira entrega, e entre o domingo e o luns repartíronse 80 bolsas máis de compost entre as familias carballesas que participan no programa “Ti tes a chave”.

O concello instalou un posto informativo na Milagrosa e na zona do Hospital, por onde pasaron tamén numerosas persoas interesadas en unirse aos programas de compostaxe do Concello de Carballo. De feito, tramitáronse 25 solicitudes de chave para o contedor marrón e 6 para novos composteiros individuais.

Co reparto de compost, o primeiro producido na planta de compostaxe de Cerceda grazas á colaboración da veciñanza carballesa, queren visibilizar os resultados que poden acadarse cun xesto tan sinxelo como depositar os residuos orgánicos nos colectores de cor marrón.

Ademais da iniciativa “Ti tes a chave”, que se desenvolve na zona urbana e na que participan xa máis de 1.000 familias e establecementos comerciais e hostaleiros, nestes momentos contamos con preto de 700 familias no conxunto das parroquias que contan con composteiros individuais. O prazo para participar en calquera das dúas modalidades de recollida selectiva dos residuos orgánicos está permanentemente aberto. Infórmate en www.carballolimpo.com.

Novas relacionadas