xoves. 15.05.2025
El tiempo

Novas melloras na rede viaria para o polígono de Bértoa

Novas melloras na rede viaria para o polígono de Bértoa
Captura do Poligono de Bertoa-Carballo Captura do Poligono de Bertoa-Carballo

Parece que Carballo está decidido a dinamizar o polígono de Bértoa. Ademais das bonificacións que coñecíamos a semana pasada, onte Concello e Deputación asinaban un convenio para investir 164.793 euros na mellora da rede viaria do devandito parque empresaria.

Xosé Regueira e Evencio Ferrero asinaron o convenio entre Deputación e Concello de Carballo Xosé Regueira e Evencio Ferrero asinaron o convenio entre Deputación e Concello de Carballo

O investimento foi aprobado no último pleno da corporación provincial. A Deputación achegará o 80% do financiamento, e o Concello, o 20% restante. O proxecto consistirá na reparación e posterior pavimentación de varias vías na primeira fase do polígono, concretamente nas rúas Cobre (758,91 m.), Bronce (1.100 m.), Lousa (370,53 m.), Titanio (707,26 m.), Ferro (539,46 m.) e Estaño (146,67 m.), cunha superficie total de 3,62 quilómetros.

O firme destas rúas está actualmente deteriorado debido ás obras de instalación de servizos realizadas recentemente na zona, que precisaron da apertura de gabias transversais e lonxitudinais, ao que se suma o desgaste ocasionado polo constante tráfico de vehículos pesados e o paso do tempo.

As obras consistirán no fresado e reparación das gretas, fisuras, e fochancas existentes e a posterior aplicación dunha nova capa de rodaxe de mestura bituminosa en quente de 6 centímetros de espesor, estendida e compactada, que axustará a rasante ás zonas contiguas en bo estado, mellorando notablemente as condicións da circulación. Así mesmo, construirase un novo tramo de beirarrúas de 26 metros de longo e 2 de ancho ao longo na rúa Titanio, mellorando tamén a seguridade peonil na zona.

Os traballos rematarán co pintado das marcas viarias, pasos de cebra e límites de velocidade, e a reposición da sinalización horizontal e vertical.

Co mesmo sistema de financiamento compartido, e grazas a outro convenio, o Concello de Carballo e a Deputación da Coruña tamén acometerán o acondicionamento da zona verde e dos aparcamentos do polígono, cun investimento de 146.488 euros.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).

Comentarios