venres. 18.04.2025
El tiempo

O BNG carballés expón as súas obras rurais

O BNG carballés expón as súas obras rurais
Obras en Cances O alcalde e o Concelleiro carballés visitaron as Obras en Cances

Quere amosar o grupo de goberno do BNG as obras que está a desenvolver no rural, non só nos barrios urbanos, onde ten en execución as obras de Chorís. Esta pasada semana tocaba viista ás obras de Rus e Cances.

Na primeira, a empresa Exoga está a traballar na rede de saneamento de Outeiros, un proxecto que abrangue a instalación de 819 metros lineais de canalización e 24 pozos que darán servizo a unha vintena de vivendas, cuxos residuos recibirán o tratamento axeitado na EDAR de Noví. Con este proxecto medioambiental, o Concello de Carballo avanza na extensión da rede de saneamento ao 90% da poboación, un obxectivo a medio prazo froito do compromiso do goberno do BNG co medio ambiente e coa equiparación de servizos entre o urbano e o rural. A obra ten un prazo de execución de catro meses e será financiada con cargo ao POS 2015, que inclúe investimentos no municipio por máis de 600.000 euros.

Tamén en Rus, a empresa Construcciones López Cao avanza nas obras de acondicionamento da vía de acceso ao lugar de Caxín, un proxecto que inclúe a limpeza de cunetas e dobre rego asfáltico nun treito de máis de 1.000 metros de lonxitude, e que se suma aos executados xa nas pistas de Calvelo-Cornaces, Calvelo-Arganosa e Cornaces-San Sadurniño, todas elas na parroquia de Rus, e ás de Calvelo-Albeiro e Pedreira-Vilar, na de Sofán. A mellora da rede viaria, outro dos compromisos electorais do BNG, recibirá un importante impulso neste mandato, tanto no que se refire á mellora da capa de rodadura das pistas como á ampliación das vías estruturantes.

Proxecto singular en Cances Grande

Na parroquia de Cances está en execución un proxecto singular que inclúe a pavimentación con cemento en todo o lugar de Cances Grande. A empresa Excavaciones Pose leva nestes momentos executados máis de 7.000 dos preto de 12.000 metros cadrados que abrangue a actuación, que tamén está incluída no POS. Evencio Ferrero e Luis Lamas comprobaron no lugar a boa marcha das obras e a satisfacción da veciñanza coa solución escollida, que foi adoptada por indicación de Patrimonio da Xunta de Galicia ao tratarse dun núcleo con numerosos bens patrimoniais.

Fonte

  • BNG de Carballo.

Comentarios