O concello de Carballo abre as súas portas ós escolares
07:06 10/11/15
Os escolares mantiveron un encontro co alcalde de Carballo no salón de plenos
Revolucionada anda estes días a casa do concello de Carballo coas visitas de nenos e nenas de primaria que acoden a coñecer o funcionamento da administración local. A primeira delas foi o pasado venres cos alumnos e alumnas do CEIP Bergantiños, e onte foi a quenda do alumnado de 3º, 4º e 5º de Primaria do CEIP Gándara-Sofán.
Repartidos en dous grupos, un total de 73 nenos e nenas puideron manter no salón de plenos un encontro co alcalde, Evencio Ferrero, que respondeu as preguntas que se formularon coa axuda da 2ª tenente de alcalde e concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes, e do concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas.
O pasado venres os alumnos e alumnas do CEIP Bergantiños visitaron a casa do concello de Carballo
A imaxinación do alumnado deixa sempre algunhas preguntas sorprendentes e moi atinadas. Entre outras cuestións, interesáronse por se o Alcalde volvería facer política con outros partidos, se lle gusta ser Alcalde, se o Rei de España estivo en Carballo ou se xa de pequeno quería ser rexedor.
Ferrero explicou que nestes momentos a maioría absoluta fai que non sexa necesario formar goberno con outros grupos políticos; que todos os que se presentan á alcaldía o fan de forma voluntaria; que o Rei non tivo a oportunidade de visitar Carballo; ou que máis ben foron unha serie de circunstancias da vida as que fixeron que chegase a ser o rexedor.
Despois do encontro, o alumnado visitou a Oficina Técnica, Asuntos Económicos -onde a algún lle pareceron poucos 22 millóns de euros para gobernar Carballo- ou a comisaría da Policía Local.
A visita á comisaría da Policía Local é unha das que máis interese levanta entre os escolares
A comisaría é un dos lugares onde permanecen máis tempo, interesados e interesadas polas pistolas ("son de bolas ou botan balas?"), os calabozos ou o etilómetro para facer as probas de alcolemia; pero tamén polo número de vehículos cos que conta a Policía Local. Os axentes tamén aproveitaron para incidir nunha serie de normas básicas de seguridade viaria, como a mellor forma de circular en bicicleta (sempre con casco). Para rematar, os nenos e nenas, que estes días estiveron estudando nas aulas o funcionamento dos concellos e das administracións, presentaron no Rexistro de Entrada unha serie de propostas para mellorar Carballo en forma de instancia.
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])
- Concello de Carballo