xoves. 14.11.2024
El tiempo

O consello parroquial de Sísamo céntrase na rede viaria

O consello parroquial de Sísamo céntrase na rede viaria
consello-parroquial-sisamo A veciñanza de Sísamo reuniuse co goberno municipal o pasado martes A travesía de Sísamo volveu a ser o primeiro tema sobre a mesa no Consello Parroquial de Sísamo celebrado este martes, tanto pola solución final para o tráfico que se adoptará no tramo que está agora en execución, como polas previsións sobre a continuidade do proxecto. Sobre o primeiro aspecto, o alcalde informou de que existe unha petición veciñal, que considera xustificada, para establecer dirección única no primeiro treito, pero que a decisión dependerá dos estudos técnicos que se están a realizar. En canto á segunda cuestión, Evencio Ferrero expresou a intención do goberno municipal de executar de maneira sucesiva as distintas fases do proxecto ata completar a obra. Explicou o alcalde que a incorporación de remanente por parte da Deputación da Coruña permitiría iniciar este mesmo ano os trámites para realizar a segunda fase, para a cal xa hai proxecto, e que abranguerá desde o cruce coa rúa Papoula ata o acceso ao IES Monte Neme. “Empezaremos a facer xa o proxecto para a terceira fase e despois a cuarta, que chegará ata a ponte da autoestrada. A idea é facelas seguidas”, sinalou Evencio Ferrero. Nese sentido engadiu que por parte da Deputación preténdese dar prioridade a aquelas vías que os concellos estean dispostos a asumir unha vez realizadas as obras, como e o caso de Carballo. En canto á rede viaria, que é unha preocupación permanente, agora que están reparadas as pistas asfaltadas, a veciñanza empezou a pedir outro tipo de melloras, tanto nalgúns treitos que quedaron fóra do proxecto executado como, sobre todo, nas vías de cemento. Principalmente reclaman unha mellor e maior sinalización, tanto dos lugares como dos recursos turísticos e patrimoniais da parroquia, así como a reposición dos indicadores que están en mal estado. Os veciños e veciñas de Sísamo tamén pediron que se renoven as marquesiñas ou a limpeza do río de lavar da Raíña, entre outras actuacións menores. Na xuntanza do martes, na que se produciu unha nova incorporación veciñal, trasladouse ao alcalde un dosier con peticións conxuntas do CRA Ponte da Pedra e da veciñanza, sobre todo no que respecta ás cubertas dos edificios do centro social e a escola, o mantemento do valo de peche do recinto, a instalación de sinais de prohibición de acceso con cans ou o pintado do local. Evencio Ferrero propuxo elaborar un proxecto con todas as necesidades do centro social, como se está a facer noutras parroquias, e lembrou que dentro dos orzamentos deste ano está prevista a construción dun almacén, que foi a petición que fixeron os veciños e veciñas no seu momento. As persoas asistentes tamén pediron a mediación do Concello para solucionar cuestións que non son de competencia municipal, como a creación dun ente de xestión da traída de auga que poida acceder a axudas para solucionar os problemas de subministro que hai nesta época do ano, o acondicionamento dun espazo que ten a Cámara Agraria no Espiño e que actualmente é un foco de escombros ou a mellora do equipamento da casa da Fábrica, que é do Arzobispado. A próxima xuntanza celebrarase o 16 de novembro.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios