O pleno de Carballo réndese á taxa do lixo
Segue sendo un tema tremendamente complicado este da taxa do lixo para as vivendas baleiras. Onte, varias ducias de veciños ateigaban o Salón de Plenos, protestando pola devandita ordenanza da recollida de lixo.
Arrincaba o pleno e a corporación aprobaba 2 mocións por unanimidade: a Declaración Institucional polo 25N, e unha Declaración institucional sobre a situación do veciño José Mato.
Pero o punto quente da orde do día comezaba ao son do “Queremos solución, alcalde dimisión”. O grupo de veciños presentes na sala, instados por TeGa e PP para acodir e protestar, paralizaron o pleno cas súas protestas. O Grupo de goberno decidíu suspender o pleno, ante a estupefacción dos grupos opositores, que consideran que “non ten sentido suspender o pleno sen antes facer unha advertencia da obriga de comportarse". Os Populares lembraron aquel pleno coa Plataforma de Corcoesto presente, na que “non pasara nada”.
Nunha rolda de prensa posterior, o alcalde Evencio Ferrero, quixo explicar que dende o goberno foise "escrupulosamente democrático ao permitir o uso de algo que non se permite en ningunha administración pública”, como é o uso de carteis por parte dos asistentes, e que a sesión suspendeuse porque "non se escoitaba e non era posible desenvolvela con normalidade".
Unha rolda na que acodíu acompañado do concelleiro Xosé Regueira, que definiu a situación que se viviu o luns 24 pola noite no salón de plenos como "anómala dende o punto de vista democrático" e subliña que "as desestabilizacións da orde do día foron constantes", xa que "a corporación ten que poder tratar con tranquilidade puntos que son moi importantes para o conxunto da sociedade", polo que considera que “obstaculizar a actividade cotiá dunha sesión plenaria non é o método máis axeitado para protestar”.
Taxa, si ou non?
En todo caso, parece que o grupo de goberno ten clara a súa decisión sobre a Taxa. Os veciños pediron derrogación da Ordenanza reguladora da taxa pola prestación do servizo de recollida de lixo por incluír no cobro a todas as “vivendas habitables”, algo que quixeron destacar, pois a “non habitables” non terán que pagala. O Alcalde salienta que "o lixo afecta ao conxunto da sociedade carballesa", porque "ou pagamos 64 euros todas as vivendas habitables ou se incrementa considerablemente o importe para os residentes en vivendas ocupadas que xa están pagando agora”.
Así, e dada o segundo aprazamento, parece que esta ordenanza terá que esperar á nova executiva municipal, pois non poderá aplicarse o 1 de xaneiro de 2015.
Novas relacionadas
- Cobrarlle a taxa do lixo ás vivendas baleiras. Esa é a cuestión.
- Taxa do lixo para as vivendas baleiras?.
- Ecoembes dá un Notable á reciclaxe carballesa.
- Carballo facilita a reciclaxe de vidro aos hostaleiros.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).