Venres. 17.05.2024
El tiempo

Cobrarlle a taxa do lixo ás vivendas baleiras. Esa é a cuestión

Cobrarlle a taxa do lixo ás vivendas baleiras. Esa é a cuestión
Xuntanza de voceiros no Concello de Carballo pola taxa do lixo

A cuestión é se cobrarlle a taxa do lixo ás vivendas baleiras ou non. Non se poñen dacordo os grupos municipais do Concello de Carballo, nin sequera despois da xuntanza que mantiñan onte os voceiros de todos os grupos políticos municipais, o alcalde do BNG Evencio Ferrero, Miguel Ferreiro, do PP, Manuel Andrade de TEGA e José Antonio Viña, do PSOE, ante a presenza da Concelleira de Facenda, Belén Lendoiro e de técnicos municipais para falar da Ordenanza fiscal nº 6 reguladora da taxa pola prestación do servizo de recollida de lixo.

Non se chegou a un acordo de consenso sobre a modificación da normativa. O grupo de goberno defende que “deben pagar todas as vivendas habitables, xa que ademais de ser un imperativo legal, servirá para equilibrar o déficit” xerado no servizo de 390.000€. Así, “de non pagar todas as vivendas habitables, habería que subir o recibo dos que xa pagan, porque o servizo non pode ser deficitario”. Avisan ademais que “de non pagar as vivendas habitables, habería que subir a taxa”. O goberno tamén lembra que “as vivendas declaradas non habitables están exentas do pago”.

Pola súa banda o PP considera que non se lle debe cobrar a taxa do lixo a ningunha vivenda baleira. TEGA cre que o idóneo sería empregar un sistema similar ao de Santiago de Compostela, no que nas vivendas habitables o cobro da taxa do lixo está ligada ao consumo de auga e luz, cunha cota variable en función do nivel de consumo de auga. Por último, o PSOE mantén que habería que establecer unha cota base para todas as vivendas baleiras, e logo engadir unha cota variable en función no nivel de ocupación da vivenda, de tal xeito que as vivendas habitadas abonen unha cota completa similar á actual e as non habitadas unha cota menor.

A xuntanza rematou sen ningún acordo firme, aínda que o goberno está aberto a seguir falando, sempre co asesoramento dos técnicos municipais e de acordo coa legalidade, para poder conseguir un consenso entre os grupos políticos municipais respecto da ordenanza.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios