Venres. 29.03.2024
El tiempo

O PSOE en Carballo pide mais seguridade viária

O PSOE en Carballo pide mais seguridade viária
Non é a nosa comarca o mellor lugar para a visibilidade dos peóns no inverno, e iso parece que acaba de preocupar aos socialistas en Carballo que, mediante  moción ao pleno, veñen de propoñer "Que os servizos técnicos municipais realicen un estudo preliminar e posterior informe onde se contemple o grao de cumprimento nos nosos pasos de peóns coas recomendacións realizadas polo Eurotest Auditoría Europea sobre pasos de peóns". Paso de peóns no centro de Carballo En concreto, o PSdeG-PSOE na capital bergantiñan afirma que "En Carballo identificamos pasos de peóns nos que a seguridade do peón ante a proximidade dun vehículo pode verse comprometida. Atopamos pasos nos que vehículos aparcados, ou outro tipo de elementos impiden a visibilidade do peón e do condutor, pasos de peóns con escasa sinalización e marcas viarias sen apenas pintura. Ademais, existen pasos de peóns cunha iluminación insuficiente en vías principais da localidade e próximos a establecementos públicos, colexios, centros de saúde e zonas comerciais. Aínda contando cunha certa iluminación, resulta moi conveniente a instalación de sistemas de iluminación ou sinalización específicos que resalten a presenza do paso de peóns e dos propios viandantes, por exemplo, en interseccións perigosas por onde pasa o carril bici ou en puntos con moita afluencia de peóns e vehículos e con pouca visibilidade". Os socialistas piden tamén "Que no devandito estudo se inclúa unha priorización dos pasos de peóns que deben adaptarse e o custo das diferentes medidas susceptibles de ser aplicadas" e que, "unha vez realizado o estudo pertinente" se implemente "accións de forma progresiva tomando as primeiras medidas naqueles pasos que se atopen nas proximidades de colexios, parques, centros de saúde e lecer, vías principais da localidade, interseccións perigosas, así como naqueles nos que se rexistraron algún accidente motivado pola falta de visibilidade, realizando un plan definido de prioridades para corrixir deficiencias".

Comentarios