Os hostaleiros fórmanse para o Carballo por Etapas
08:15 12/05/16
Durante dous dias os hostaleiros de Carballo participaron nun curso de elaboracion de tapas impartido polo chef Mark Wernink
Mark Wernink, chef responsable do Casino da Toxa e colaborador dos mellores cociñeiros de Galicia en accións formativas, impartiu durante as tardes de onte e o luns un curso de elaboración de tapas - organizado pola concellería de Promoción Económica - onde lle ofreceu aos hostaleiros que participan no Carballo por Etapas algunhas claves para elaborar tapas saborosas, nutritivas e creativas.
Na primeira xornada preparou, coa colaboración dos seus alumnos e alumnas, solombo de ibérico con cuscús de verduras, tosta de pan de millo con esqueixada e bivalvos, xarda con algas en caldo de dash e crocante de arroz, e coca de tomatiños con ventresca de atún Calvo -que será o protagonista da primeira fin de semana de Carballo con Etapas - e chalotas. “Sorprendéronme na montaxe dos pratos”, asegurou Mark Wernink. E tanto foi así que onte optou por deixar renda solta á imaxinación dos participantes no curso. Con ingredientes como vieiras, alioli, ostras, algas, ovas de troita, magret de pato, puré de pataca, pesto ou améndoas, entre outros, tiveron que preparar as súas propias creacións. E o resultado volveu a ser espectacular.
Mark Wernink mostrouse sorprendido pola montaxe dos pratos
Os participantes fixeron unha valoración moi positiva da experiencia, coa que dende o concello de Carballo preténdese contribuír á mellora da calidade gastronómica dos negocios de restauración e a incrementar a súa oferta gastronómica coa cultura do tapeo, ademais de impulsar novas ideas á cociña tradicional e achegar aos profesionais coñecementos sobre aspectos relacionados coa mellora da rendibilidade da oferta de tapas e coa mellora da organización e optimización de tempos.
O curso desenvolviuse nas instalacións do Fórum Carballo.
Novas relacionadas
- 2016: O Carballo por Etapas repartirá 940€ en premios
- 2016: 21 paradas para o Carballo por eTapas.
- 2016: Xa hai datas para a ruta gastronómica de Carballo por Etapas 2016.
- 2015: Volven as eTapas a Carballo en forma de obradoiros
- 2015: Carballo preparáse para as máis ricas eTapas.
- Carballo por etapas crea escola.
- 2014: Carballo por eTapas servíu 6.000 tapas a primeira fin de semana.
- Carballo por etapas: Quedamos para comer Carballo por etapas.
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])
- Axober.