Os veciños de Carballo participan nun novo proxecto piloto de reciclaxe
07:10 10/11/15
Na presentación do proxecto "Ti tes a chave" estiveron representates do concello e doutras entidades colaboradoras
Hai xestos que por pequenos que sexan axudan a mellorar o medio e a coidar do planeta. Así é o proxecto que está a poñer en marcha Carballo Limpo, "Ti tes a chave", que ten como obxectivo que un grupo de veciños e veciñas, "voluntariado verde", se comprometa a depositar só residuos sólidos urbanos (restos de alimentos exclusivamente) nuns colectores específicos de cor marrón que se colocarán na rúa e que estarán pechados con chave.
Quen se comprometa a participar neste proxecto piloto en Galicia recibirá unha chave que servirá para abrir estes colectores e deberá depositar só restos de comida nel, dentro de bolsas biodegradables que lles proporcionará Carballo Limpo. Con estes restos elaborarase compost para abono orgánico. O proxecto piloto implantarase en primeiro lugar na Milagrosa, polo que as persoas do barrio que queiran colaborar teñen até o luns 30 de novembro para presentar a solicitude ou pedir información a través de Carballo Limpo no 981 754 917 e no enderezo [email protected]; na sede de Urbaser, empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo, na rúa Desiderio Varela. Tamén poden informarse nalgún dos establecementos da Asociación de comerciantes, hostaleiros e profesionais da Milagrosa, xa que a entidade colaborará coa iniciativa, axudando a difundila e mesmo repartindo o material cando bote a andar.
A través de "Ti tes a chave" Carballo Limpo obterá unha serie de datos relevantes que servirán, non só para analizar a implicación e a receptividade que a veciñanza ten para separar o lixo desta maneira, senón tamén para analizar a calidade dos residuos depositados e ver os beneficios que pode supoñer.
Ampliación do proxecto
A través destes primeiros datos, estudarase a posibilidade de ampliar a implantación dos colectores marróns a outros barrios da capital municipal ou, a máis longo prazo, analizar a posibilidade de que as persoas que mellor reciclen teñan no futuro algún tipo de incentivo. O concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas, subliña que o concello segue a traballar en fórmulas que permitan "que se lle dea un bo tratamento a todo tipo de lixo", nomeadamente dado que Carballo conta, segundo apuntou tamén o Alcalde, Evencio Ferrero, "cuns dos mellores índices de recollida selectiva de toda Galicia", especialmente no que se refire ao vidro.
Así mesmo, o programa de compostaxe caseira implantado nas parroquias e nalgunha casa do casco urbano tivo "moi bo resultado", en verbas de Lamas. A implantación destes colectores marróns sería un paso máis para "seguir implicando á cidadanía", segundo salienta o alcalde, e tamén porque "canto mellor sexa a recollida menos repercutirá o servizo no prezo do recibo". Respecto aos motivos para escoller o barrio da Milagrosa como espazo piloto, Ferrero explicou que "o barrio conta cunha identidade moi definida", ademais de ter unha asociación "moi dinámica" que dende o primeiro momento estivo disposta a colaborar. "Ti tes a chave" servirá tamén para implantar un sistema de recollida que non tardará en ser obrigatorio, xa que a normativa europea xa está dando pasos neste sentido. Deste xeito, Carballo, ademais de implantar un proxecto pioneiro en Galicia, tamén estará preparado para os cambios no sistema de recollida de lixo que está previsto que se implanten no futuro.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])
- Concello de Carballo