mércores. 18.03.2026
El tiempo

O Festival Castelo Rock 2026 espallará a música polo casco histórico de Muros

  • O festival celebrarase os días 6, 7 e 8 de agosto cun escenario principal na Praza do Mercado e concertos gratuítos en distintos espazos do centro histórico de Muros.
Festival Castelo. Rock 2026
O Festival Castelo Rock 2026 espallará a música polo casco histórico de Muros

Despois das magníficas experiencias no ciclo Sons no Mercado, o festival Castelo Rock presenta o cartel da súa XXII edición. Os días 6, 7 e 8 de agosto de 2026 a música percorrerá o casco vello de Muros. I é que a ACRD Praia do Castelo vai adaptando o formato aos novos tempos, e despois de 20 anos (naceu en 2003) de concertos de grandes dimensións no porto, dende o ano pasado aposta por un formato máis próximo e coidado.

Así, o escenario principal de pago estará situado na Praza do Mercado, cun aforo limitado a 700 persoas, o que permitirá unha experiencia máis próxima entre artistas e público. Un formato máis íntimo e integrado na vila, afastado das dinámicas dos grandes eventos masivos.

Pero é que ademais dos concertos nocturnos no escenario principal, o festival estenderase durante tres días por diferentes espazos do centro histórico de Muros, con actuacións gratuítas que completarán a programación do festival.

Un cartel que mestura escenas e xeracións

KID-KAPICHI
Kid Kapichi

O cartel do Castelo Rock 2026 reúne artistas procedentes de diferentes escenas musicais, combinando proxectos consolidados con novas voces da música contemporánea.

Entre as bandas internacionais destaca a presenza de Kid Kapichi, unha das formacións máis combativas do punk británico actual, e do dúo inglés Big Special, coñecido polo seu estilo que mestura punk, spoken word e soul cun forte compoñente social.

No ámbito estatal, o festival contará con Parquesvr, banda madrileña que se converteu nun dos nomes máis singulares do post-punk recente grazas ao seu estilo irónico e ás súas letras afiadas, e con Viva Belgrado, referente do post-hardcore e do rock alternativo estatal, cunha traxectoria consolidada en escenarios de toda Europa.

A escena galega terá tamén un papel protagonista con propostas que reflicten a diversidade musical actual. A Orquestra Bravú Xangai reunirá sobre o escenario a varios nomes históricos do movemento bravú nun proxecto colectivo de espírito festivo; a artista viguesa LAW achegará unha proposta que fusiona electrónica, reggae e música de raíz con letras de forte carga social; mentres que Nadie González, rapeira da escena galega emerxente, presentará un directo marcado pola introspección e a personalidade das súas letras.

XIAN-PAIS
O loureán, e xogador da UD Monte Louro, Xián Pais

O cartel complétase con proxectos vinculados á nova xeración de artistas locais como Xián Pais, representante da escena urbana galega procedente da contorna de Muros, reforzando así o compromiso do festival co talento de proximidade.

Un festival que se espalla polo centro históricoArtistas como Tete de la Course, Saraiba, Martin Human ou True Mountains, entre outros, formarán parte desta programación paralela que levará a música a distintos recunchos da vila, convertendo Muros nun escenario aberto no que público e artistas conviven durante toda a xornada.

Entradas xa á venda

As entradas para o escenario principal do festival xa están dispoñibles a través da plataforma Enterticket, cun prezo xeral de 20 euros. As persoas socias da ACRD Praia do Castelo contarán cun desconto especial na compra da súa entrada, como parte das vantaxes vinculadas á súa participación na asociación organizadora.

Máis novas

 

Comentarios