Luns. 29.04.2024
El tiempo

A Policía Local de Carballo pon en marcha unha campaña de control da zona azul

Policia Local de Carballo
A Policía Local de Carballo pon en marcha unha campaña de control da zona azul

 Moitas rúas de Carballo están sinalizadas como zona azul para garantir a rotación de vehículos nas zonas comerciais e de servizos.. Unha zona azul especial, pois é de balde, non hai parquímetros nin apps onde reservar o horario. Unha zona azul onde basta con colocar o disco de control á vista ou sinalar a hora de chegada e non superar os 90 minutos máximos permitidos.

Os incumprimentos son continuos, e por iso a Policía Local vén de poñer en marcha unha campaña de control, do mesmo xeito que ao longo do ano reforza a vixilancia sobre as zonas de carga e descarga. Por agora, nos 3 primeiros meses de ano tramitáronse 390 sancións por incumprimentos, superando xa as realizadas o ano pasado.

Os principais incumprimentos na zona azul (non colocar o disco de control á vista, superar o tempo máximo autorizado, anotar a hora de chegada de xeito non lexible ou nun horario distinto ao real, e cambiar o horario unha vez superados os 90 minutos sen mover o vehículo a máis de 250 metros da praza anterior) están consideradas faltas leves na ordenanza reguladora do tráfico, a mobilidade e a seguridade viaria do Concello de Carballo. A sanción establecida é de 80 euros, que pode verse reducida á metade se é abonada nun prazo de 20 días.

O horario da zona azul abrangue de 09.00 a 13.30 de luns a sábado, e tamén polas tardes de 15.30 a 20.00, de luns a venres. Lembra que se precisas un disco de control podes pedilo na Policía Local ou no Museo de Bergantiños.

ZONA EXPRÉS

Pero ademais deste sistema, que leva demostrado a súa efectividade ao longo de vinte anos, a Concellaría de Mobilidade vén de poñer en marcha os aparcamentos exprés en zonas comerciais, que basicamente consisten na posibilidade de utilizar as zonas amarelas para paradas de 10 minutos como máximo. Ao igual que na zona azul é obrigatorio indicar a hora de chegada. Dada a boa acollida que tiveron os primeiros, situados xunto ao mercado municipal, as farmacias e outros puntos da zona urbana, nos vindeiros días está previsto seguir habilitando novas zonas. 
 

Comentarios