Pontón anuncia en Carballo unha ofensiva do BNG no Parlamento pola circunvalación e a ampliación do polígono

Realizou onte unha visita a Carballo a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na que anunciou unha ofensiva política no Parlamento "para que o Goberno do PP deixe de discriminar a Carballo e leve a cabo dunha vez por todas infraestruturas e investimentos que a localidade leva anos reclamando e que son esenciais para o seu desenvolvemento", como a circunvalación ou a ampliación do parque empresarial.
“Carballo é un exemplo de como os concellos BNG son capaces de xerar dinámica económica e mellorar a calidade de vida, pero temos a unha Xunta do PP que leva anos boicoteando e castigando a un concello que ten unhas condicións inmellorables para poder seguir avanzando”, denunciou a líder nacionalista, na súa visita institucional na que mantivo un encontro co grupo de goberno que lidera Evencio Ferrero, xuntanza na que se abordaron as prioridades do municipio.
Pontón advertiu que “o boicot e o sectarismo que practica o Goberno do PP” non prexudica a un goberno local, senón aos veciños e veciñas dun municipio que “teñen dereito aos mesmos investimentos que outros concellos do País”, incidiu.
Circunvalación
Sobre a primeira, recordou que non só resulta fundamental para mellorar a competitividade do parque empresarial e das súas empresas, senón tamén para mellorar a seguranza viaria, sacando o tráfico pesado das rúas cunha obra que dependen do investimento da Xunta. De feito, o BNG xa ten reclamado na Cámara galega orzamentos concretos e de cara ás contas públicas de 2025 esixirá que se inclúa unha partida de, cando menos, cinco millóns de euros.
Parque Empresarial
Sobre a segunda, recordou que o parque empresarial concentra unha actividade económica moi relevante que non deixa de medrar o que fai que a día de hoxe non exista xa suficiente solo para poñer a disposición de novos proxectos empresariais, de aí que o goberno local leve anos reclamando unha ampliación que a Xunta ignora sistematicamente. “O Goberno do PP leva 15 anos boicoteando o desenvolvemento dese solo empresarial e, polo tanto, boicoteando a creación de emprego e a mellora das condicións das empresas que xa están instaladas aquí”, reprochou.
Xunto a estas dúas actuacións, Pontón sinalou tamén como prioridades do BNG no Parlamento o abastecemento de auga na zona da costa, a mellora do saneamento ou doutras infraestruturas como a estrada de titularidade autonómica AC-414, cuxa mellora integral reclaman as veciñas e veciños afectados, particularmente os de Xoane e Cances, cos que a portavoz nacional mantivo tamén onte un encontro para escoitar a súas demandas e trasladar o apoio do Bloque en total sintonía co goberno local.