O proxecto Cicl-Ando sitúa como finalista á vila de Carballo nos Premios de Calidade da Rede Española de Cidades Saudable
Na actualidade, Carballo dispón de arredor de 25 quilómetros de sendas, cun aumento destacado das camiñadas e do uso da bicicleta. O proxecto Cicl-Ando, ás agochadas, está cambiando a forma de moverse nunha comarca onde o coche é pouco menos que unha extremidade máis.
Esa política de mobilidade leva convertindo ao Concello de Carballo nun referente. Así se desprende tras ser recoñecido na quinta edición dos Premios de Calidade da Rede Española de Cidades Saudables (RECS), na categoría de fomento dun desenvolvemento urbano saudable e sostible, polo proxecto Cicl-Ando Carballo.
Carballo foi o único concello nomeado da provincia e un dos dous de Galicia, xunto con Lugo, na categoría de 20.001 a 100.000 habitantes, o que reforza o papel do municipio como referencia estatal en políticas urbanas centradas na saúde e nas persoas.
Un cambio profundo na forma de moverse
O proxecto partía dunha realidade clara: o núcleo urbano presentaba unha estrutura viaria complexa, con tráfico intenso e apenas 4-5 quilómetros de itinerarios específicos para peóns e ciclistas. En coherencia co Plan de Mobilidade Urbana Sustentable, o Concello puxo en marcha unha estratexia ambiciosa co obxectivo de favorecer un cambio modal significativo, reducindo o uso do coche privado e impulsando os desprazamentos a pé e en bicicleta.

Cicl-Ando Carballo desenvolveuse arredor de dous eixes:
- Infraestruturas: execución de máis de 19 quilómetros de sendas ciclo-peonís no ámbito urbano e na conexión co polígono industrial de Bértoa e coa praia de Razo.
- Concienciación: campañas de información, sensibilización e promoción dirixidas á cidadanía para facilitar a adopción de hábitos de mobilidade máis sostibles.


