Venres. 29.03.2024
El tiempo

“Quen vai querer mercar unha casa ou unha finca que estea dentro da poligonal dun parque eólico?”

Concentracion contra os eolicos
“Quen vai querer mercar unha casa ou unha finca que estea dentro da poligonal dun parque eólico?”

Este pasado sábado a Coordinadora Bergantiñá pola Defensa da Terra organizaba a súa segunda xornada informativa arredor do novo complexo eólico da Costa da Morte. Despois da primeira cita de hai dúas semanas, diferentes colectivos déronse cita na Praza do Concello de Carballo para analizar os impactos que van provocar 19 parques eólicos en tramitación na comarca de Bergantiños e na Costa da Morte.

As xornadas, ademais de poñer de manifesto os previsibles impactos ambientais e socioeconómicos dos proxectos, serviron para cohesionar e marcar rumbo aos movementos ecoloxistas e asociativos que levan meses denunciando o caos que rodea á planificación eólica de Galicia.

Son moitas e variadas as consecuencias da súa invasión, deixando patente unha política común no seu proceso de aprobación: A fragmentación ou división artificiosa dos proxectos eólicos aos efectos da avaliación ambiental foi unha das cuestións máis denunciadas polas participantes ao longo do desenrolo das xornadas. Outra conclusión é a perda de valor das propiedades e a depreciación dos terreos que fican dentro das poligonais das estacións eólicas.

De feito, a pregunta que máis facía o público era: “Quen vai querer mercar unha casa ou unha finca que estea dentro da poligonal dun parque eólico?” ou “Quen vai inverter nun proxecto que vaia quedar dentro da poligonal dun parque?” evidenciando que a medio e longo prazo o desorde da actual invasión eólica só acelerará o despoboamento do rural e o éxodo da poboación, producíndose o fenómeno xa coñecido como a “España vaciada”.

Nese sentido lembran a importancia do sector madereiro e forestal en Bergantiños, un sector estratéxico dentro da economía galega e a importante aportación deste ao Produto Interior Bruto de Galicia e de España, a estabilidade do sector que xera emprego de calidade e que da de comer a máis de 80.000 familias, mentres que a aportación do sector eólico non chega ao 1% do Produto Interior Bruto e máis coñecido nos últimos anos polo número de sociedades offshore creadas en paraísos fiscais e que lles permiten operar a cero impostos, tal e como puxo de manifesto o informe “Quien parte y reparte” de Oxfam Intermón número 53, en relación a compañías como Iberdrola con 18 filiais en paraísos fiscais.

As entidades lamentaron a “pasividade da clase política”, tanto a nivel autonómico como local, pois tamén botan en falla a implicación dos Concellos de Bergantiños e Costa da Morte, que opten por unha posición máis activa respecto a problemática eólica como están a facer xa moitos concellos afectados pola problemática eólica, abandonen o seu silencio e participen activamente para ofrecer como mínimo unha información a veciñanza que é fundamental para que poidan exercer a defensa dos seus dereitos lexítimos contra esta macroameaza eólica.

En calquera caso, a Coordinadora Bergantiñá pola Defensa da Terra está satisfeita porque as xornadas permitiron visibilizar a totalidade da problemática eólica que axexa ao territorio.

ADECOM

Tamén a ADECOM amosouse satisfeita coa convocatoria, sinalando que "o evento converteuse nun auténtico acto de repulsa ao que estas corporacións tentan facer, que é enganar á veciñanza para que se resignen e acepten sen máis uns proxectos que só as benefician a elas, mais que destruirán para sempre a nosa paisaxe convertindo as nosas aldeas nuns lugares menos desexábeis para vivir, cun retorno ínfimo para as comunidades locais".

Un equipo técnico da televisión pública holandesa desprazouse a Carballo para cubrir o acto e incorporar este clamor social contra os macroproxectos eólicos á súa serie-documental "Cartas de España", dirixida por Stef Biemans, que rodan nestes momentos en Galiza, secuela da premiada serie "Cartas de Andalucía" que obtivo o Silver Nipkow Disk, o premio máis importante da televisión holandesa.
 
ADECOM aproveitou o acto para presentarse en sociedade e desmentir os principais tópicos e mentiras que se están difundindo sobre estes proxectos para lograr o apoio da veciñanza á súa implantación, co lanzamento dun cartel e un folleto informativos titulados "Non caiamos na trampa eólica":

Non caiamos na trampa eólicaFolleto ADECOM campana eolica

Novas sobre eólicos

Comentarios