venres. 27.02.2026
El tiempo

Razo tende pontes entre a música tradicional galega e o flamenco

Antonio Carmonta de Ketama na_Residencia_Pacode Lucia 1
Antonio Carmonta de Ketama na Residencia Paco de Lucía
Razo tende pontes entre a música tradicional galega e o flamenco

O ano pasado foi o lugar de Fornelos un dos puntos elixidos polo proxecto Interritmos. Este ano, a recoñecida Fundación Paidea escolle Razo para afondar nesa maridaxe entre músicas de raíz, e propón unha residencia artística de músicos galegos e flamencos. Unha experiencia que fomenta a creación de comunidade, o fortalecemento de redes profesionais e o impulso de proxectos que dialogan coa tradición desde unha mirada actual

Falamos da residencia creativa Interritmos Raíces Vivas, que celebrará a súa segunda edición no Espazo Nature de Razo en Carballo (A Coruña), do 2 ao 5 de marzo. Esta iniciativa, promovida polo GDR Costa da Morte xunto con outros dez GDRs, a Fundación Paideia Galiza e a Fundación Paco de Lucía, pretende consolidarse como un espazo de encontro, investigación e profesionalización para artistas emerxentes que dialogan entre a raíz tradicional galega e o flamenco contemporáneo. Durante tres xornadas, creadoras e creadores compartirán procesos, coñecemento e ferramentas para fortalecer a súa identidade artística, repensar o seu camiño creativo e proxectar o seu traballo desde unha perspectiva profesional

Os oito proxectos seleccionados neste 2026 por unha comisión profesional para participar nesta edición son: Dentro de O Grove; Lula Mora de Cambados; Yas Deluaces de Mazaricos; Enrique Ramil de Ferrol; BELISH de Santiago de Compostela; Lidia India de Ferrol; Meiga-i de Vigo; Faíscas de Fornelos de Montes.

Traballarán durante a primeira xornada (2 de marzo), na construción da súa identidade e da súa marca persoal da man da manager e xestora cultural Patricia Hermida, quen abordará cuestións como o relato artístico, a imaxe que proxectan os/as artistas e as ferramentas para presentarse ante programadores e medios. Tamén se reflexionará sobre a percepción pública dun proxecto artístico, temática que se abordará nun diálogo conducido por Laura Iturralde, profesional das artes escénicas e Lara Caeiro, estilista e asesora de imaxe para artistas.

No segundo día de residencia (3 de marzo) a actriz e docente Mariana Carballal profundará na identidade de marca aplicada ao ámbito artístico. A programación continuará cun obradoiro de estilo e imaxe impartido de novo por Lara Caeiro, centrado na coherencia estética e visual do proxecto creativo. O diálogo arredor da estética da raíz contemporánea reunirá a Lucía Sánchez (Fundación Paco de Lucía), ao experto en comunicación Alejandro Martínez, e á bailaora flamenca Mónika Bellido, que participarán nunha conversa sobre a tradición, a vangarda e a identidade artística. Durante a terceira xornada (4 de marzo) as artistas Alba Fernández e Alicia López explorarán o corpo, o xesto e a presenza escénica, traballando o movemento xunto á bailaora Mónika Bellido. Por outra banda, o fotógrafo Derek Pedrós realizará sesións de foto e vídeo profesional destinadas á creación dun kit de prensa básico, achegando ferramentas prácticas para a proxección profesional. A residencia concluirá o 5 de marzo cunha sesión dedicada ás pautas para a construción do discurso de presentación dos/as artistas, orientada a fortalecer a comunicación pública do proxecto artístico e a súa defensa ante entidades culturais e programadores.

Sons do rural no INterritmos coa_Residencia_Pacode Lucia
Imaxe de participantes dun dos Interritmos anterior

Comentarios