Remata a primeira quenda dos campamentos dixitais de Carballo

Onte rematou na Aula CeMIT de Carballo o primeiro dos catro campamentos do proxecto CRI-TIC que se desenvolverán ata finais de agosto, e que teñen como obxectivo mellorar as competencias dixitais da rapazada carballesa. En colaboracion coa Fundación Esplai, o Concello de Carballo duplicou este verán a oferta de campamentos dixitais.
O concelleiro de Innovación, Iván Andrade, e a concelleira de Educación, Mar Eirís, aproveitaron a ocasión para facer a entrega dos diplomas aos primeiros participantes.
Os grupos teñen un máximo de 12 participantes e están establecidos do seguinte xeito: do 1 ao 10 de xullo, do 14 ao 23 de xullo e do 18 ao 27 de agosto, para nenos/as de 9 a 13 anos, e do 4 ao 13 de agosto, para adolescentes de 14 a 17 anos. Para este último aínda quedan prazas. As inscricións deben realizarse a través da plataforma dixital da Aula CeMIT. As persoas que aínda non estean dadas de alta ou teñan dificultades para realizar o trámite poden achegarse ata as oficinas municipais do Fórum Carballo (2º andar) previa cita no 981 709 011.
En todos os casos, o horario do campamento é de 10.00 a 14.00. Ao longo da formación, os/as participantes abordarán contidos como o uso responsable e consciente da tecnoloxía e RRSS, as Fake News, programación e robótica educativa, Intelixencia Artificial (IA) e Creatividade Dixital, ciberseguridade e prevención do ciberacoso, realidade aumentada e realidade virtual e outras actividades lúdicas e lecer saudable.
O obxectivo destas actividades, deseñadas e impartidas pola Fundación Esplai, é pechar a fenda social dixital dotando de competencias dixitais a nenos, nenas e adolescentes de 9 a 17 anos. Cada participante completará un itinerario formativo de 30 horas, ao remate das cales recibirá un diploma acreditativo como os que se entregaron onte.