mércores. 30.04.2025
El tiempo

Senda Nova analiza a saúde do río Anllóns no novo número da revista Abrindo Camiño

Presentacion Revista Abrindo Camino senda nova
Senda Nova analiza a saúde do río Anllóns no novo número da revista Abrindo Camiño

A Asociación Medioambiental Senda Nova volveu xuntar a máis de 60 persoas no Espazo da Natureza de Oza. Desta volta, foi para recibir o número 4 da Revista Abrindo Camiño. Coma sempre, foron os propios os rapaces e rapazas da Escola Ambiental de Senda Nova-Concello de Carballo, os que amosaron nas súas intervencións un resumo de cada un dos artigos. 

Ademais de socios, e familias, tamén houbo representantes de diferentes entidades da contorna entre as que se atopaban o G.N. Hábitat ou  Mallas de Area, ademais de varios membros das G. N. Mavea de Asturies e do colectivo Salvemos Peñamayor, tamén da comunidade veciña, que viñan participar na saída dominical polas terras de Cerqueda no marco do programa Primavera en Ruta.

Este nº4 está dedicado aos ríos con varios artigos de crítica e reflexión sobre as actuacións nos nosos ríos, especialmente no Anllóns, dando conta do obxectivo principal da publicación: Dar voz a problemáticas ambientais e tamén a proxectos que encaixan co respecto pola natureza e o patrimonio, salientando aqueles que teñen que ver coa contorna da Costa da Morte.

Ademais, noutras das 64 páxinas da revista hai tesouros de Opinión, Recuncho de sentimento, Parroquia por parroquia, Patrimonio inmaterial, Senda solidaria, Dende lonxe, Acción mocidade…. 

COMO FACERSE CO NÚMERO DA REVISTA

Ademais das bibliotecas con arquivo deste tipo de publicacións,  o número 4 da revista Abrindo Camiño será difundida a través de correo ordinario aos centros de ensino, centros sociais, concellos e bibliotecas da comarca. Ademais serán enviadas a entidades de obxectivos similares á nosa de dentro e fora de Galicia. En total uns 200 envios que se realizarán nas próximas semanas.

Aparte deste xeito de distribución, quedarán exemplares na libraría carballesa Clarión, onde as persoas que queiran poderanse facer cos exemplares correspondentes. O donativo, destinado de xeito exclusivo ao financiamento dos gastos de fabricación, será de 4€.

Máis novas

Comentarios