“Supoño que Mondra debe ser algo entre Lady Gaga e Dolores de Vilariños”
Estreou o novo formado das “tradpill” a Escola do Alpendre, e fíxoo nada menos que con Mondra. Foi nunha interesantísima conversa na empinada sala da Biblioteca Rego da Balsa, cun público desexoso de coñecer os pormenores do proxecto dun dos artistas emerxentes da vangarda desta nova era da música galega tradicional.
Foi Hadrián García o que presentou, na voz da Escola do Alpendre, a primeira de moitas “tradpills” que van artellar ao longo do curso. Citas nas que invitarán a emprendedores a “deconstruír” o seu proxecto profesional, que arrincaron neste caso coa industria musical.
Mondra, ou Martín (de apelido Mondragón, de 23 anos), para moitas das que non perderon a conversa e que xa teñen compartido noites de foliada con el, comezou debullando como naceu Mondra. Formado en agrupacións tradicionais do país (“para min é importante deixar claro que eu veño da tradición, non uso a tradición como elemento dende outras músicas”), tiña claro que quería facer algo no mundo da música.
E aproveitou o Traballo de Fin de Grao de Comunicación Audiovisual para preparar AGHRÚuU. Foi un bombazo e a resposta recibida invitounos a seguir adiante.
Aí apareceron o músico Berto (facendo de produtor), a fotógrafa e deseñadora Zeltia Iglesias (toda a parte visual), o a produtora audiovisual Seispés, que uniron forzas e foron formando a idea do proxecto global, que tentase ser o máis profesional posible, coidando cada detalle. Despois dun ano en marcha (“parece que van 7”, levaba as mans á cabeza), Mondra xa é toda unha referencia para os que están e os que virán.
Tradición viva: adaptando cantigas tradicionais a mensaxes actuais
Unha das ideas máis interesantes da conversa foi deixar claro que para Mondra a “tradición non é algo que estea nunha caixa que non se pode tocar”. Leva anos bebendo de foliadas, das cantigas como das que Alan Lomax tomou nos anos 50 na nosa comarca, ou das que foi recompilando por aquí e acolá. Como a de Dolores de Vilariños (en Balboa), da que toma a rima principal e a melodía, pero adaptando á mensaxe ao que el quere contar. “Collo as cantigas e co maior dos respectos, adáptoas á mensaxe que quedo dar como boa marica do século XXI que quere bater contra a heterosociedade”, explicou.
Foi cando lle preguntaron polos seus referentes musicais máis alá do mundo tradicional, cando falou da súa adolescencia, sinalando que os seus pais xa escoitaban Guadi Galego ou Sés, pero que tamén influiu xentes como Lady Gaga. “Supoño que Mondra é algo entre Lady Gaga e Dolores de Vilariños”.
Folía das Ardentes
Foi Berto, que tamén se iniciaba no mundo da produción, o que o sumerxiu no mundo da música urbana, dándolle ese toque máis electrónico aos temas de Mondra. Despois do éxito dos singles de Punheta (feita coas Fillas de Cassandra) ou Saco de Pulgas, comezou a tomar forma o disco que acaba de saír, “Folía das Ardentes” (o lugar de diversión, de alegría barullenta, das que viven no “Ardén, ese lugar, que pode ser unha aldea, pero non xeolocalizable, no que viven as “ardentes”, (que xogo dá o xentilicio), que loitan contra as inxustizas da nosa sociedade”.
Como peche de xornada, Mondra, que conecta por igual con maiores coma nen@s, ofreceu un concerto na rúa Jacinto Amigo Lera.