Última semana para solicitar praza no FP de Cociña e Restauración de Carballo

Avanza o recentemente conseguido Ciclo de FP Dual de Cociña e Restauración que se impartirá no Forum Carballo a partir deste mes de setembro.
Pero para iso é necesario que haxa unha matrícula mínima, e o prazo de presentación de solicitudes remata o 31 de xullo. O centro adscrito é o IES Monte Neme, así que os/as interesados/as poden solicitar a información no propio centro, no 881960050 ou en ies.monte.neme@edu.xunta.gal.
Lembren que poden matricularse maiores de 16 anos sen titulación, ou alumnado escolarizado procedente de 2ºESO proposto polo centro educativo para a súa incorporación a un ciclo formativo de grao básico; de 3º e 4º ESO que solicite por petición propia; ou mesmo persoas non escolarizadas que, cumprindo os requisitos legalmente establecidos, desexen incorporarse a estas ensinanzas.
Lembran que a hostalería está implicada no Ciclo, que van facilitar as prácticas en empresas da zona e que a inserción laboral será altísima.