xoves. 19.06.2025
El tiempo

Carballo dá a benvida ao primeiro FP Dual de Cociña e Restauración

Presentacion FP Dual Hostaleria en Carballo
Carballo dá a benvida ao primeiro FP Dual de Cociña e Restauración

Carballo acolleu onte a presentación oficial do novo FP Dual Básico de Cociña e Restauración, que se impartirá por primeira vez no municipio a partir do vindeiro curso. O acto tivo lugar no Fórum Carballo, que será tamén o espazo onde se desenvolverá a parte práctica da formación, e onde o Concello xa desenvolveu durante varios os cursos unha pioneira Escola Municipal de Hostalería mentres a Xunta non incluía esta necesaria formación para unha comarca cun gran peso do sector servizos.

Trátase dun fito que chega despois de anos de perseverancia e demanda continuada do sector hostaleiro, e que finalmente se fixo realidade, como tamén se acadou hai un par de anos en Muxía. Así, este novo ciclo supón unha oportunidade clave para o alumnado da comarca e un reforzo estratéxico para o tecido hostaleiro, ofrecendo formación de calidade e prácticas reais en empresas da zona.

Presentacion FP Dual Hostaleria Carballo

Ao redor de 40 persoas asistiron ao evento, entre elas profesorado, alumnado, profesionais do sector e representantes institucionais.

Na presentación interveu en primeiro lugar Gonzalo Álvarez, representante do sector e membro de Axober, quen destacou a importancia desta formación como resposta ás necesidades reais do sector. A continuación, Manuel Verdes, dinamizador de FP da comarca de Bergantiños, explicou o funcionamento do ciclo, a súa estrutura dual e a relevancia da implicación das empresas locais no proceso formativo deste curso que forma parte do catálogo de especialidades do IES Monte Neme para o curso que vén.

Pola súa banda, Iván Andrade, concelleiro delegado de Formación, Emprego, Innovación e Fondos Europeos, puxo en valor a colaboración institucional e o esforzo realizado para adaptar as instalacións municipais. O peche do acto correu a cargo do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quen subliñou o compromiso do Concello coa formación profesional como motor de desenvolvemento local.

Haberá 18 prazas e poderán participar alumnos/as de 18 anos ou máis, ou, sempre que queden prazas, menores desa idade con autorización materna/paterna. 
O Concello de Carballo asumirá os gastos de funcionamento (conserxaría, limpeza, electricidade, auga...) e a Consellería de Educación, os de profesorado e materiais.

Máis novas

Comentarios