30 produtores estarán no V Mercado Ecolóxico de Quilmas
![](/asset/thumbnail,992,558,center,center/media/quepasanacosta/images/2011/09/30/Mercado-Ecoloxico-de-Quilmas.jpg)
![Mercado Ecoloxico de Quilmas Mercado Ecoloxico de Quilmas](/media/quepasanacosta/images/2011/06/20/Mercado-Ecoloxico-de-Quilmas.jpg)
30 produtores de horta, froitas, cereais, queixo, leite, cervexa, apicultores, artesáns... de toda Galicia estarán este domingo 26 de agosto no V Mercado Ecolóxico de Quilmas. Un Mercado artellado pola Cooperativa de Agricultura Ecolóxica Raínha Lupa e que xa é toda unha referencia a nivel provincial.
Malia que na Costa da Morte aínda non esteamos acostumados a consumir esta clase de produtos, a conciencia medioambiental vai calando na sociedade e o respecto vai medrando. Estas iniciativas de saír á rúa son moi positivas pois a veciñanza pode ver de primeira man a espectacular calidade do produto ecolóxico e de proximidade.
I é que precisamente o darlle saída aos produtos locais é unha das teimas da agricultura eco-lóxica, que escapa das grandes viaxes dos produtos dende América para acabar nos nosos pratos.
V Mercado Ecolóxico de Quilmas
![V Mercado Ecoloxico Quilmas V Mercado Ecolóxico da Raínha Lupa de Quilmas](V-Mercado-Ecoloxico-Quilmas-212x300.jpg)
O formato do mercado será similar aos anteriores e realizarase na explanada que hai na subida a Moa dende Quilmas. Este lugar foi escollido polas magníficas vistas que se poden desfrutar dende aló, é un espazo realmente especial co Monte Pindo ás espaldas e a boca da Ría de Corcubión de frente, co Cabo Fisterra ao fondo.
Nesta ocasión o mercado centrarase nos alimentos procedentes das hortas galegas, especialmente nas variedades autóctonas de hortalizas, froitas e cereais. Como atractivo especial haberá unha degustación de tomates ecolóxicos. Tamén contarán con elaboradores de queixos típicos como de San Simón da Costa e Arzúa Ulloa, elaborado con leite crú ecolóxico. Isto entre outras moitas sorpresas.