#8M: Unha cadea de mulleres por Marupe e por todas as mulleres

Emotivo acto o vivido esta mañá de sábado en Carnota. A Asociación Feminista Sonlilá convocaba aos colectivos da comarca para facer unha homenaxe a súa compañeira Marupe, finada inesperadamente hai un mes no marco da celebración do Día Internacional da Muller.

Foron as mulleres da entidade as que leron un texto escrito por elas para lembrala neste “acto de amor (non de despedida) por unha muller brava e forte, e feliz”. A entidade fixo entrega á familia dun cadro pintado por Viki Rivadulla, que representa a sororidade vivida entre elas.

De seguido, as mulleres dos colectivos feministas de toda a comarca como a Buserana de Cee, o Círculo Feminista de Carballo ou as Curandeiras de Vimianzo escolleron certos poemas para o acto.

Ao remate do acto baixaron todas xuntas ata a praia onde fixeron a cadea de mulleres que representa esa unión necesaria para chegar a unha igualdade real.

O evento rematou cunha ofrenda de flores na praia de Carnota.

NOVAS DO 8M