Mércores. 09.10.2024
El tiempo

A historia dos fuxidos no As de Sel

A historia dos fuxidos no As de Sel
Refuxiados da Costa da Morte tras baixar do As de Se lcantando a Internacional en Bristol

Hai unha historia dos fuxidos no Monte Pindo que non se coñece demasiado. De feito, ata hai nada, a historia dos fuxidos no As de Sel só existía na rede a través da Elección Histórica da Costa da Morte que artellamos nesta casa hai uns anos. Unha historia incrible, que serve para seguir repasando a historia do agochados nas covas do Olimpo Celta, como vimos facendo da man de Pepe do Fieiro, A Cubela, ou cas viaxes en vídeo polo Pedregal.

A semana pasada o departamento de Memoria Histórica do xornal Público se puña en contacto con nós para recuperar esta historia. Puxémoslle, , en contacto gracias á colaboración de Xosé Manuel Casais, con varios protagonistas como os familiares do mesmo Catelo, como o seu fillo Augusto, que rexenta a Taberna de Quilmas pola que non pasa o tempo, malia que xa non está a señora Palmira, a mesma muller do Catelo para amenizar coas súas historias. Falaron tamén co historiador Luís Lamela, e descubriron o complicado que é sacar testemuños na Galicia profunda. Aínda así redactaron unha fermosa crónica desa aventura, a vida ou morte, que unha ducia de homes protagonizou o verán de 1937.

Jose Sendon estivo 10 anos agochado no Monte Pindo

Sen máis, deixámosvos coa crónica que nos ceden os compañeiros Sol Borrajo e Alejandro Torrús, do Asalto ao As de Sel por parte dos agochados, comandados polo bravo Catelo, aderezada por unha serie de imaxes que están expostas na Confraría do Pindo.

O asalto ao barco do exilio

O plan de fuxida definitiva do Catelo e os seus homes tardou un ano en chegar. Cada noite, desde o alto dos montes de Pindo, os mozos divisaban nas Illas Lobeiras, un arquipélago situado fronte á costa de Carnota, dous buques que faenaban na zona. A fuxida pasaba polo mar.

No verán de 1937, o grupo de 12 homes liderado por Catelo, descendeu ata o porto de O Pindo, que se atopaba sen vixilancia esa noite, e colleron dúas pequenas barcas coas que achegarse aos buques faeneros. "Negociaran co vixiante do porto para que este marchase a Santiago coa desculpa dun familiar enfermo para que ninguén denunciase a falta das lanchas", explica Luís Lamela.

Coa axuda das dúas barcas, os doce mozos asaltaron a punta de pistola o buque conserveiro 'O As' e mandaron a toda a tripulación ao segundo buque, ao que quitaron toda o gasoil para que non puidesen dar a voz de alarma. "Foron roubando o combustible que podían para facer a travesía. Saíron a mar aberto e puxeron rumbo a Inglaterra", apunta Lamela.

Un par de marineiros do As

Días máis tarde, sen combustible, co puño no alto e cantando a Internacional os doce mozos chegaron ao porto de Bristol (Inglaterra). Pero non foi o final da súa viaxe. O destino tíñalles reservada unha sorpresa. Inglaterra acolléndose ao pacto de Non Intervención deulles dúas opcións: Volver á España sublevada ou, pola contra, regresar á España republicana. Os doce mozos, que fuxiran de Galicia para non combater na guerra, foron repatriados ao bando republicano onde combateron fronte ao exército sublevado de Franco.

"Eles querían fuxir da guerra e quedar en Inglaterra. Pensaban que o golpe de estado sería unha 'Sanjurjada' pero o destino xogoulles unha mala pasada. Sábese que un deles terminou nun campo de concentración francés desde onde puido embarcar no Winnipeg e exiliarse en Chile. Outro morreu no campo de concentración nazi de Mauthausen. E do resto foise perdendo a pista", resume Lamela.

Con todo, O Catelo conseguiu retornar á súa Galicia natal tempo despois tras unha longa estancia no cárcere. Augusto Castro, o seu fillo, relata a Público que na súa casa case nunca se falou da fuxida do seu pai. El morreu cando Augusto tiña soamente un ano e medio. A súa nai relatáballe a historia pero sempre "con moitos parches". "O único que sei do meu pai é que tratou de fuxir a Inglaterra en barco e que as autoridades inglesas o deportaron a España a través de Francia. Despois, tras estar no cárcere volveu e cando eu era un recén nacido, e morreu dunha pulmonía", conta Castro.

Recorte dun xornal britanico  achegada dos refuxiados no As

Unha causa militar e un pobo unido

A fuxida dos doce mozos non pasou desapercibida para as autoridades militares do réxime de Franco. Iniciouse unha causa militar para depurar responsabilidades pola fuxida e secuestro do buque. "Na causa militar, as autoridades tratan de investigar quen do pobo axudounos porque non podían facelo sos. Estaban convencidos diso", asegura a Público Andrés Domínguez Almansa é Doutor en Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela.

Con todo, a causa quedou en nada. Os investigados aseguraron non saber nada dos fuxidos na montaña e as autoridades tiveron que dar o seu brazo a torcer ante a imposibilidade de condenar a un pobo enteiro. "Non poden tirotear a todo o pobo. As autoridades están convencidas de que o pobo os axuda. E é así. É o pobo enteiro quen parece actuar. Hai que ter en conta que a todos únenos lazos familiares e de veciñanza. Por encima da traxedia que viviron os escapados, esta é unha historia de solidariedade dun pobo cos seus veciños", sentenza Domínguez.

  • As imaxes están expostas na Cofraría do Pindo.

Máis información

Novas relacionadas

Comentarios