Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Alba Lago: “Encantaríame deixar de dar cifras de mortes por COVID”

Alba Lago presentadora de TV
Alba Lago: “Encantaríame deixar de dar cifras de mortes por COVID”

De Mediaset a QPC, de Vigo a Carnota, das mañás a "prime time”. Falamos do pasado, presente e futuro cun dos rostros con máis proxección do telexornal de Telecinco, Alba Lago (Vigo, 1985).

 
  • QPC: O teu soño era ser xornalista?

Máis que un soño, diría que sempre foi algo vocacional... Din que de pequena quería sabelo todo e repreguntaba cando non quedaba conforme coa primeira explicación... supoño que xa apuntaba maneiras.

 
  • QPC: Fixeches programas de radio e televisión, en cal estás máis cómoda?

A televisión é o meu hábitat, levo 15 anos diante das cámaras pero a radio paréceme un medio moi estimulante, máis reflexivo, ofrece un abanico infinito de posibilidades á hora de informar ou entreter. De todos os xeitos, cada unha destas etapas vivinas como unha aprendizaxe, completáronme como profesional.

 
  • QPC: Na televisión estreácheste na TVG. Como foi a sensación de poñerse diante das cámaras?

A primeira vez, moi nerviosa. Eu viña da redacción daquel "Acompáñenos", un programa en directo nas sobremesas da TVG. Tiven moita sorte, ao meu carón estaba o gran Xosé Manuel Piñeiro e o director, Miguel García apostou por caras novas e un formato distinto... era moi arriscado pero, polo visto, funcionou...

 
  • QPC: O teu último programa na TVG foi Tourilandia, que recordos tes do noso humor tan particular?

Pois outra etapa da que aprendín moitísimo... nunca antes fixera humor. Certo é que o meu papel era o máis "serio" pero ao final acabas sumerxido nesa enerxía tan marabillosa que crean Xosé Touriñan, Marcos Pereiro, Federico Pérez Rey, David Amor... Estaba rodeada de profesionais inspiradores que agora xa son amigos.

 
  • QPC: Onde non o pasaches ben foi en "Se lo que hicisteis" (La Sexta) e Marca TV?

Principalmente por ter que marchar da casa... Os primeiros meses foron terribles, tiña unha morriña perpetua. No ámbito profesional foi unha etapa de ensaio-error... había que probar... e nestes casos non saiu ben... Penso que estas experiencias fixéronme madurar un chisco e definir o camiño que quería seguir.

 
  • QPC: Tamén escribiches un libro "Andrea contra pronóstico”. De onde che veu a inspiración?

Da historia do noso pobo... é un libro sobre migración cíclica. O meu avó tivo que marchar a Bos Aires, e 60 anos despois fíxeno eu a Londres.

 Alba Lago Andrea contra pronostico
  • QPC: Actualmente estás nos informativos de Telecinco, que noticias tes gañas de dar?

Agora mesmo encantaríame deixar de dar cifras de mortes por COVID... É terrible todo o que está destrozando esta pandemia... Dá medo.

 
  • QPC: Fálase moito de esas conexións de Sálvame a Informativos, dende a vosa parte como o vivides?

Pois desde o meu punto de vista persoal, é un exemplo perfecto da maxia do directo...

 
  • QPC: En Mediaset hai moitos compatriotas galegos, tedes grupo común ou cada un vai o seu?

En xeral, no mundo audiovisual hai moito galego... e por suposto, cunha conexión especial. En Mediaset teño moita relación con Carlota Corredera. Ela é casa.

 
  • QPC: Nas túas redes sociais, podemos apreciar que che encanta viaxar, que lugar recomendas que hai que visitar unha vez na vida e como levas o de non poder viaxar por temas de Covid?

Lévoo mellor do que esperaba. Penso que a pandemia cambiounos un pouco a todos, tamén as nosas prioridades. Agora mesmo, marcharía unha semana a Carnota, comería na Casa da Crega, daría un bo paseo de Caldebarcos a Lira e meditaría dende o mirador do Ézaro... e se me da tempo subiría a Moa. Nada mal, eh.

 
  • QPC: Que vivencias tes na Costa da Morte?

Todas. Crieime alí. Aprendín a nadar na praia de Caldebarcos, os veráns da miña adolescencia están marcados polas festas do Pindo ou de San Mamede. Espero nun futuro pasar máis tempo alí.

 Alba Lago na praia

Entrevistas semellantes

Comentarios