Venres. 29.03.2024
El tiempo

Almánimal: De Carnota ao outro lado do charco

Almánimal
Almánimal dará dous concertos nos Estados Unidos a finais de marzo.
Almánimal: De Carnota ao outro lado do charco

Ano 2014. Un grupo de rapaces dun pequeno recuncho da Costa da Morte, compañeiros de clase e amigos,  xúntanse de vez en cando para tocar xuntos en Carnota. Quen lles ía a dicir a eses chavales que 6 anos despois a música os ía levar a tocar ata os Estados Unidos? Esa é a historia de Almánimal.

Nos seus inicios, todo comezou como algo esporádico. “Coincidimos todos no colexio facendo bacharelato e coñecémonos alí. Xa tiñamos outros grupos cada un dos participantes pero quedábamos así de vez en cando para tocar algo. Pero pouco a pouco isto comezamos a tomalo máis en serio, algúns de nós xa estábamos apuntados en clases de música e tamén comezaron a meterse nalgún curso dun coworking que nos puxo tamén en contacto con profesionais da produción”, explica Andy Touriñán, batería do grupo.

Dende entón, gracias a ese fíos dos que foron tirando, ademais da súa propia actitude e predisposición, Almánimal con Pablo de Peres á guitarra, Norman Betancourt ao teclado, Andy Touriñán á batería, Fernando de André ao baixo e Sergio Trillo como vocalista foi facéndose un nome  no ‘mundillo’. Cousa que foi abríndolles portas e os levou a tocar en festivais como o Castelo Rock, o Asaghieiras ou o Armadiña Fest.

almánimal 3

Mais o éxito non veu só, pois os esforzos que hai detrás foron tamén outro dos motores, tal e como indica Touriñán: “Tamén é un traballo de fondo e de buscar, buscar e buscar e ir pouco a pouco. Realmente non é un camiño fácil e hai que insistir”. Todos os integrantes teñen os seus respectivos traballos fora da música e “como todo, isto é unha relación a cinco bandas e ten os seus altibaixos. Pero polo xeral buscamos sempre unha motivación para que axude a tirar para diante e anime a quedar, ensaiar e seguir dándolle caña”, explica o batería.

O grupo ten gravado agora mesmo un EP de seis cancións, ademais doutros dous temas que sacaron hai pouco a maiores, cancións que contan con influencias de grupos clásicos como The Doors ou Led Zeppelin, así como influencias de blues ou reggae. Á hora de compoñer, Touriñán conta que “a verdade é que se a alguén se lle ocorría algunha idea, traíaa ao en serio ao día seguinte e despois poñiámonos a improvisar sobre iso. Outras veces simplemente chegábamos e improvisábamos alí e o que saíra”, afirma.

O salto ás Américas

A oportunidade de ir tocar ao outro lado do océano xurdiu dunha pequena casualidade, pero sobre todo, a través da música: “No verán, un veciño de Pablo, o noso guitarrista, díxolle que ía vir o seu fillo de Estados Unidos. El era un emigrante que volveu agora despois de traballar anos nos EEUU e dixo que lle ía vir dar unha vista o seu fillo, que resulta que tiña un grupo de música alá, que tocaba a guitarra e que estaría moi ben que o coñecésemos. E así foi. Cando o rapaz chegou quedamos con el e estivemos improvisando un pouco con el. Estivemos unha tarde contándolle uns contos e tocando e a verdade é saíron cousas moi guapas. A nós gustounos moito a improvisación e a el tamén e seguimos facendo migas, ata que nos dixo ‘por que non vides aquí a Estados Unidos a tocar? A vosa música aquí seguro que ten aceptación e así polo menos vivides a experiencia de tocar aquí’. E aí quedou a cousa”, explica Touriñán.

Ao principio, segundo relatan, a proposta foi algo que lles gustou pero que en principio quedou en nada, mais a idea en todo momento permaneceu sonando nas súas cabezas. Un mes máis tarde e despois dunha cea de amigos, a cousa deu volta. “Estábamos cenando no Cuberto alí en Carnota despois dun ensaio e Pablo comentou: ‘Bua, eu tiña moitas ganas de ir alí a Estados Unidos. Tiña pensado ir coa familia, pero se podo ir con vós e podo tocar alí, e que é un puntaso’. Iso foi coa primeira cerveza. Despois de rematar de cenar comezamos cos chupitos e a cada ronda iámonos quentando máis. Ao primeiro dicíamos si, estaría ben... Ao segundo xa pensábamos como sería... Ao terceiro estábamos xa case comprando os billetes”, comentaba o batería entre risas.

almánimal 2

E, deste xeito, Almánimal finalmente viaxará ata as Américas a finais de mes para facer dous concertos. O primeiro é o 27 de marzo no bar The Chubby Pickle, situado en Highlands, New Jersey. Este foi o primeiro concerto que confirmaron e que deu pé a varias bromas no grupo, pois o o bar está nun pequeno pobo con apenas uns miles de habitantes. “Ao principio só saíu ese bolo e dixemos... Ostrás, imos coller o avión para ir a Estados Unidos e tocar nun poco como Carnota”, explicaba Touriñán, mais pouco despois chamáronlles confirmando un segundo concerto que é ao día seguinte, esta vez no Desmond’s Tavern, un bar situado en pleno Manhattan a unhas poucas mazás do Empire State.

En canto ás expectativas, o propio Andy indica que a sitaución vai ser un tanto “peculiar” xa que, a pesar de que saben que poden defenderse, o seu nivel de inglés “tampouco é que sexa moi avanzado”. Aínda así, e a pesar dos míticos nervios das primeiras veces, Touriñán cre que “a música é a enerxía que transmites no directo, tanto a voz como os instrumentos e penso que podemos chegar igual ao público estadounidense a través da nosa propia actitude e da enerxía que transmitamos no escenario”.  E, ao final, por moito que crucen o charco, van facer o que máis lles gusta e o que levan facendo durante anos, tocar.

Comentarios