Martes. 22.10.2019
El tiempo

Caldebarcos rima nos Muíños unha oda ao millo

Caldebarcos rima nos Muíños unha oda ao millo

As coplas mesturáronse cas chulas. As regueifas coas faragullas. Os cantares coas papas. As pedras do Pindo coa empanada. O fol das gaitas coa auga dos Muíños. Todo, en nos fermosos Muíños de Vadebois de Caldebarcos, a golpe de rima e facendo unha oda ao millo.

I é que a Romaría, ou Foliada dos Muíños de Caldebarcos volveu ser unha festa auténtica, unha festa con todo o amor da tradición. Sendeirismo, gastronomía, música, regueifa, copla... facendo ademais que pequenos, medianos e maiores, de Caldebarcos, toda Carnota, Corcubión, Fisterra ou Muros, sigan amando a terra.

Precisamente, nesa liña foi o manifesto que leu Cesarito, si, o César Cambeiro da televisión que na casa coñécese con diminutivo. Cesarito falou de volver ao monte, de volver facelo parte da nosa vida, de recuperalo: "Por fin voltou o sentido común a Caldebarcos: Todos temos casa e vimos comer ao monte".
Cambeiro é un dos grandes armadanzas da festa, e con Domingo da man, liaron a Concellos, varia asociacións (Xurde Caldebarcos a organizadora) e sobre todo, unha trintena de cociñas a todo gas.

A mañá comezaba coa Ruta dos Muíños polas faldas do Monte Pindo. Unha ruta que recupera zonas como o Outeiro das 7 esquinas, unha das pedras con vida da zona. Aló embaixo esperaba a carpa chea a rebentar...

Empanadas de millo, tortillas, faragullas de millo, chulas, biscoitos, tartas... e papas de millo da man de Encarna Otero, ben acompañadas por viño da casa, caña e café de pota, como toda a vida.

E para mollar, moito arte. Como o que desprederon coas súas rimas o propio Cesarito e Luís O Caruncho, unhas das referencias da regueifa en todo o país. Foi quen César de estar a altura de todo un máster, e a regueifa fixo escachar de risa a todos os presentes, entre actuación e actuación. Como as pandeireteiras e o grupo de gaitas do lugar, que demostraron que a canteira está asegurada; ou o grupo de Gaitas de Pedras Miúdas de Lires, que tocaron dende pasobles ata unha masurca internacional.

Pero os que tamén se atreveron co megáfono, foron os Belén de Cló e o Federico. Espectacular a retranca desta brava, recén chegada da civilización a un curruncho da fin do mundo, coas súas galas impolutas. Pero foi Federico o que sacou as cores a todos os presentes. Non sabemos cantos anos pode ter este señor pero esas coplas que gasta son un verdadeiro tesouro patrimonial.

E para rematar, unha queimada espectacular, facendo uns conxuros dos que xa non se fan, para que os máis pequenos do lugar vaian tremendo cos sapos e as curuxas...

Actividade apícola

Pero cómpre non esquecer que a actividade apícola da entidade Xurde Caldebarcos segue traballando. En menos de un mes estará constituída a Asociación de Apicultores “Río Vedebois”, que se encargará da xestión de tres alvarizas: da Alvariza Tradicional de San Cibrán, da Alvariza do Prouso María de Caldebarcos e das novas instalacións apícolas de última xeración no Chan das Alvarizas.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios