Carnota descobre a figura de Moncho Valcarce


Unha exposición fará máis visible a vida e o compromiso de Moncho Valcarce para os veciños de Carnota e arredores. Dende este venres 23 de novembro e ata o 30 de decembro de 2012, a Irmandade Moncho Valcarce achega á vila carnotá a exposición "Moncho Valcarce: unha vida de compromiso". Unha exposición que toma a figura de Moncho Valcarce como fío condutor, para achegarnos a través de 25 paneis ás mobilizacións labregas de finais do franquismo e de comezos da transición española, que marcaron o precedente para movementos actuais coma o da defensa do medio, o sindicalismo agrario ou mesmo a creación de organismos básicos do nacionalismo galego como foron a AN-PG, o BN-PG ou os Comités de Axuda á Loita Labrega.
A exposición inaugúrase no salón de actos do Concello de Carnota o próximo venres, 23 de novembro, ás 19:30 h, cun acto que inclúe a presentación do libro Moncho Valcarce, un símbolo para Galiza, de Victorino Pérez Prieto. Na inauguración intervirán Ramón Noceda Caamaño, alcalde do Concello de Carnota; Domingo Martínez Beiro, membro da Irmandade Moncho Valcarce, así como Ramón Muñiz de las Cuevas e Xácome Santos Gayoso, presidente e secretario da dita irmandade, respectivamente.
A mostra permanecerá no Concello de Carnota ata o 30 de decembro e poderá visitarse de luns a venres, en horario de 8:00 h a 14:30 h.
Máis información
Novas relacionadas
Fonte
- Concello de Carnota.