Domingo. 05.05.2024
El tiempo

Carnota pon en marcha o programa de dinaminación lingüística Apego

Carnota pon en marcha o programa de dinaminación lingüística Apego
O pasado venres, 17 de xullo, tivo lugar no salón de actos do concello de Carnota a presentación do proxecto Apego, un programa de dinamización lingüística desenvolvido cooperativamente por doce concellos, a través dos seus servizos de normalización lingüística (A Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago de Compostela e Vigo). Apego nace co obxectivo de fomentar e mellorar a transmisión do galego como lingua inicial e contribuír ao seu mantemento no contexto familiar e social das nenas e os nenos de 0 a 6 anos. Para iso artellaranse un conxunto de actuacións encamiñadas a tecer redes coas familias interesadas en recibir información e recursos de apoio á crianza en galego e a crear espazos de interrelación e intercambio de experiencias favorables para o uso do idioma e a súa valoración positiva. O programa arranca cunha campaña de difusión para divulgar o proxecto e os seus obxectivos, a creación dun espazo web con información e recursos e a entrega dunha caixa de benvida ás familias que agardan un fillo, por embarazo ou adopción, con materiais de apoio á crianza en galego. Caixas de benvida O alcalde de Carnota, Ramón Noceda Caamaño, e a concelleira de Cultura e Normalización Lingüística, Belén Campos Díaz, entregáronlles as primeiras caixas de benvida  a catro familias presentes no acto, que se están a preparar para achegada dun novo membro. A caixa inclúe un boneco-manta de apego que acompañará o bebé nos primeiros meses; unha guía para as familias con argumentos para a transmisión do idioma, recomendacións para a crianza, propostas de nomes en galego, arrolos recitados e xogos, etc; un álbum de recordos do primeiro ano de vida do bebé; un medidor e un adhesivo para o coche. Para recibir a caixa de benvida as familias deben estar empadroadas no Concello de Carnota e presentar un xustificante que acredite o embarazo ou a asignación do/da menor, no caso das adopcións. Unha vez que naza o bebé ou se efectúe a adopción, as familias que recolleron a caixa recibirán tamén un CD de música infantil en galego, producido pola Editorial Galaxia.

Comentarios